E. Otero e Liceo Casino asinan sendas vitorias vitais para as súas aspiracións

vilagarcía / la voz

CAMBADOS

O equipo cambadés aséntase na zona de promoción e o vilagarcián na de permanencia tras superar o Calella

03 mar 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Fin de semana altamente positivo o protagonizado polos dous equipos arousáns na División de Honra. Con sendos triunfos que os aproximan aos seus respectivos e moi diferentes obxectivos, se ben con moito por bogar inda.

No caso do Establecimientos Otero, o cadro cambadés afrontou unha dobre xornada, logo de decidir adiantar o seu partido da xornada 18 á 16 e visitar o pasado sábado pola mañá a cancha do Monteporreiro. Unha decisión que a piques estivo de lle custar un disgusto, cos de Ñajo Padín levándose o gato á auga por un estreito 3-4.

A pésima actuación do indio Santosh Araswilli, que segue a distar moito do xogador determinante polo que fora fichado a comezos do pasadou outono en Cambados, foi afortunadamente compensada pola enorme mañá do canteirán Fernando Padín. Araswilli abríu o choque co Monteporreiro caendo 3-2 con Daniel Conic. Guillermo Sánchez, 2-3 ante Santiago Prieto, e Padín, cun 1-3 sobre Ignacio Fernández, iniciaron unha montaña rusa que continou cos pinchazos de Sánchez con Conic (1-3) e Araswilli con Fernández (1-3), e rematou con Padín impoñéndose a Prieto 0-3, e o dobres formado por Sánchez e el mesmo a Conic e Fernández 1-3.

Xa pola tarde, ante o Calella, vitoria cambadesa por 5-1, coa que descabalga o cadro catalán do terceiro posto da táboa. Un rival derrotado pola mañá polo Liceo Casino 4-2 con Sergei Nigeruk e Andrés Correa sumando os seus puntos e o canteirán Manuel Santos perdendo polos habituais 0-3. O Liceo é agora noveno, un posto por riba do descenso e un colchón de dous triunfos sobre o Cladera, este con dous partidos menos.