Corazón de pedra de Cambados

Francisco Fernández Rei OPINIÓN

CAMBADOS

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aviliña de Fefiñáns era tan pequena que da porta da miña casa, no barrio de Triana, tiña á man os espazos emblemáticos onde enredar: pola rúa das Rodas, a uns pasos, estaba na ribeira; cruzaba a rúa San Gregorio e chegaba á Calzada; e pola estreita e sinuosa Congostra da Rianxeira daba no mercado, que así chamabamos a praza do «palasio», vixiado desde o adro da igrexa de San Bieito por Balboas, ese hierático palanquín que non se moveu do sitio nin sequera cando lle arrincaron a cabeza á súa muller e a tiraron ó chan. Da fachada do pazo, un dos máis fermosos exemplos da arquitectura civil do barroco galego, o que máis admiraba de neno era o arco-ponte e a torre con ameas, cos balcóns voados e redondos, con varandas como púlpitos das igrexas; con todo, o que me fascinaba do «palasio» era que tivese un bosque, a carón das casas, onde nunca entrara, como tampouco no pazo, aínda que coñecía o xardín e os cultivos por miña nai e miña irmá, que as chamaban para vendimar o albariño. Iso si, cando de neno subía ó alto do campanario de San Bieito, contemplaba a grandiosidade do edificio e as súas terras, que hai uns anos puiden ver detidamente en visita particular con dúas guías excepcionais, Marisa e Angelines, que primeiro me mostraron a horta e o bosque con árbores tradicionais e exóticas; e meses máis tarde, cun programa sobre Fefiñáns, visitei o interior do pazo, comezando pola torre. Cando paseo pola praza, cunha parte inzada de árbores e coches, ás veces rememoro o mercado da infancia, sen coches e cunhas árbores diante da casa do avogado José González e co chan de terra, que vexo nalgunha foto miña coa igrexa ó fondo. E pregúntome como era posible que no San Bieito do verán puidese acoller tantos «caballitos», tómbolas e atraccións variadas e milleiros de persoas que ese día acudían a Cambados, cando a do Albariño era unha festiña na Calzada o día da Pastora; e se miro para as «estendas», vexo a atracción que máis me impresionaba: unha especie de praciña de touros onde uns portugueses, nun visto non visto, dando voltas subían en moto ata onde estabamos no alto, ata que un ano facían o mesmo cun coche. A festa para a rapazada comezaba ó chegaren as atraccións e vermos como as montaban e se enchía de tanta vida a praza máis grande de Fefiñáns, con ese pazo que é o corazón de pedra do Cambados monumental.