A raíña branca do pazo Torrado

Achegarse a exposición de Francisco Pazos é aproximarse a un mundo de formas e materias dispares que nos atrapa nos pés dunha Alicia expectante


11/04/2017 20:36 h

Achegarse estes días ata o Pazo Torrado, en Cambados, é aproximarse a un mundo de formas e materias dispares que nos atrapa nos pés dunha Alicia expectante, guiada pola maxia das esculturas de Francisco Pazos. Tras atravesalo patín e chegar á recepción, a nosa mirada fica abraiada ante a diversidade da viaxe que nos espera. Comezamos por introducirnos nun bosque de vigas que se transforma ao noso paso nunha magnífica metrópole policromada. Camiñamos entre os edificios á altura dos seus teitos e fiestras, curiosos ante a súa singularidade, e semella que sentimos os efectos dun máxico bebedizo que xogará coa nosa percepción ao longo da visita. Deixamos tras de nós o bosque-cidade para atoparnos en silencio cun sobrecolledor exército ao que case podemos escoitar avanzar en formación. Alleos a toda escala heroica, cargan co peso da nosa historia ás súas costas. Os seus pasos marcan o ritmo co que seguimos medrando en escala para contemplar as arquitecturas esculpidas en libros e revistas, e o aceiro corten que se abre timidamente, case coma se se tratase dunha escultura máis de papel, para despregar a súa beleza simétrica e asimétrica en formas expandidas que se dilúen no espazo que ocupan.E de súpeto, aparece O Esmirriado, ese ser a medio camiño entre a mitoloxía e a relixión que parece sobresaír por vontade propia das vetas da madeira, e ao que se enfronta o espírito do home contemporáneo, coa súa gravata e os ollos afundidos polo esgotamento do ir e vir diario, alleo a todo síntoma de vida.

É neste preciso intre cando algo chama poderosamente a nosa atención, case como un canto de serea que nos obriga a avanzar cara ela e permanecer ao seu carón. É a Menina e a Raíña Branca a un tempo. É ese maxestuoso e esotérico ser que nos conecta inmediatamente con séculos de arte, e que unifica nunha soa forma multitude de conceptos opostos. Unha sensación que non poderemos esquecer, e que perdura na última das salas, onde a xeometría e as formas das vangardas se descobren como orgánicas e vivas, convertendo a escultura en pintura, o intanxible en tanxible, e o áspero ladrillo en fermoso mármore.

Cegados pola realidade, volvemos ao noso camiño, cavilando sobre a sorprendente viaxe que acabamos de percorrer grazas a Francisco Pazos e a exposición “Diversidades Homoxéneas”, ata o 14 de maio no Pazo Torrado, en Cambados.

Votación
2 votos
Tags