Os xuvenís emulan o primeiro equipo morrendo na beira

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

Sineiro reivindica os merecementos desta xeración para xogar alomenos un ano na Primeira Galega

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata a penúltima xornada da liguiña de ascenso loitou con todo o seu esforzo, traballo e talento o plantel xuvenil que con Miguel Sineiro coma director estivo a piques de devolver o nome do Xuven á Primeira Galega, a máxima categoría do baloncesto de formación na nosa Comunidade. Penúltima xornada con derrota, 61-50, na cancha do Seis do Nadal, o xa campión do grupo cambadés a falta da derradeira xornada desta fin de semana e, xa que logo, o conquistador da única praza de ascenso en xogo.

 

Como o primeiro equipo do Xuven Cambados, o xuvenil de Sineiro morreu na beira. A piques de acadar o premio a unha longa tempada na que rozou o salto de categoría en dúas ocasións. «Comezamos moi pronto a traballar», lembraba onte o técnico, «o primeiro día despois das Festas do Albariño, para comezar a xogar a fase previa na que se decidían as cinco últimas prazas para a Liga Galega deste curso. Fumos primeiros de grupo, superamos nunha serie a un rival de Ferrol, e quedámonos ás portas, ao perder con Tui». Despois o Xuven gañou con claridade a Liga do seu grupo de Segunda Autonómica, cun 11-1, e superou outras dúas eliminatorias a dobre volta co CLB e co Marín para pelexar co Instituto Rosalía, co Bosco Salesianos, e co Seis do Nadal. Será subcampión.

Sineiro salienta que esta xeración do Xuven «merece o premio de xogar un ano na Primeira». Con todos os seu xogadores cun ano máis de xuvenís por diante, confía en que o poidan facer superando a previa do vindeiro curso.