O Xuven reuniráse a semana que vén con Santos para a súa renovación

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

A directiva de Toño Lema ofrecerálle a continuidade ao vilagarcián, e quere coñecer a súa disposición a seguir e en que condicións para saber a que aterse canto antes

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella unha obviedade, quizais non tanto tras o de Berizzo e o Celta, pero ata esta semana ninguén confirmara oficialmente desde o Pombal que así fora a ser. Coas esixencias organizativas do inminente Campionato de España Infantil de Clubs en Cambados absorvendo o tempo do club, a directiva do Xuven reuniráse a vindeira semana con Manu Santos para trasladarlle o seu desexo de voltar contar con el coma adestrador do plantel de LEB Prata alomenos unha segunda tempada.

«Fíxose unha xuntanza de valoración do curso, e a comezos da semana que vén termos outra para falar de futuro. Cunha proposta moito máis clara. Váiselle ofrecer a Manu a continuidade, e queremos saber se el ten intención de continuar», declara o director deportivo da entidade amarela, Manu Felpeto.

A relación entre as partes resultou ata o momento do máis satisfactoria, con Santos agradecido pola oportunidade de poder dirixir o seu primeiro banquiño profesional, e facelo con total liberdade de criterio; e co club recibindo a cambio a versión máis espectacular e exitosa na historia do seu primeiro equipo camiño dos 40, cun segundo posto na fase regular da Liga, rozando o título e o ascenso directo, e gañando o seu primeiro partido nuns play-offs á LEB Ouro. Pero Felpeto é consciente da situación e das dúbidas persoais de Santos, verbalizadas polo adestrador só dous días despois da eliminación do Xuven en Morón no cuarto partido da súa serie nunha entrevista para La Voz de Galicia na que deixaba dito «foi un ano difícil no económico. Teño que pensar, valorar. Tamén tes que subsistir, e no baloncesto non é doado. Primeiro hai que valorar se o club conta comigo, e en que condicións. E valorar logo coa miña moza e coa miña familia».

 

O certo é que, agás a aparición do patrocinador que tanto precisa o club, semella difícil que o Xuven poida mellorar sustancialmente as condicións económicas de Santos. A posibilidade de suprimir os adestramentos matutinos, e darlle unha xanela de tempo na que poder obter un ingreso extra noutra ocupación, podería ser unha alternativa para manter unida unha relación que tantas grandes novas compartíu a nivel deportivo na última tempada.

Polo que respecta á confección da quinta versión do Xuven na LEB Prata, o director deportivo do club informa de que «non hai ningún xogador descartado» dos nove que pecharon o exercicio. De feito, no Pombal verían con bos ollos voltar dispor dos nove, se ben son conscientes de que será moi difícil. Comezando por un Shota Gelazonia que lle vén de comunicar ao Xuven a súa intención de dar o salto á LEB Ouro, ou xogar nunha liga estranxeira de certo nivel o vindeiro curso.