«Unha chaladura de cabeza» de cinco homes feitos de ferro

CAMBADOS

MARTINA MISER

Un grupo de cambadeses culminará o domingo nas Pontes medio ano de preparación para o seu primeiro Ironman

22 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cinco son de Cambados. O maior peitea as 45 primaveras, o máis novo, 33. Hai algo máis dun ano a súa afección polo deporte, serodia na maioría, levounos a coñecerse mellor no Clube de Atletismo Cambados (C.A.C.). As palabras deron paso a un grupo de whattsapp para acudir xuntos a algunha travesía a nado, e preparar a súa participación no primeiro Triatlón Popular Concello de Cambados. E case sen decatarse, coma nesas relacións que collen velocidade sen tempo de entender o porqué, Fernando Patricio, presidente do C.A.C., e Sergio Santos, David Aspérez, Carmelo Oubiña e José Manuel Lores, integrantes do C.C.T. Poio, atópanse a tres días de encarar o primeiro Ironman, o oitomil do triatlón, das súas curtas traxectorias ameteurs. Con 3.800 metros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e unha maratón (42,195 qms) de carreira a pé agardándoos nas Pontes o domingo.

José Manuel Lores (18 de Xullo de 1977) é o primeiro culpable dunha aventura que os cinco cambadeses din asaltar cun só e á vez tan complicado reto: atravesar a meta do único Ironman de Galicia, con 15,5 horas ata o peche do control. Traballador nunha empresa de instalación de ascensores, hai dous anos Lores comezou a competir en carreiras. Populares, un par de mediamaratóns, e un pequeno fato de triatlóns bastáronlle para ter as cousas claras: «Eu xa tiña metido na cabeza facer algo que quedara aí, das cousas que se fan unha vez na vida». Por iso, en canto abríu o prazo para o Ironman Northwest Triman das Pontes, apuntouse de inmediato, e fíxollelo saber aos seus colegas por whattsapp. Emulárono ipso facto, entre o todos para un, e que as 350 prazas dispoñibles case voaran xa. Era outubro. Dous meses despois arrincaba unha ardua preparación semanal, de entre 12 e 25 horas de adestramentos repartidos entre seis días, en función da disponibilidade de tempo de xente que non vive disto.

 

Os dous fondistas

Fernando Patricio (5 de Agosto de 1971) e David Aspérez (12 de Xullo de 1979) son, sobre o papel, os mellor preparados psicoloxicamente para o que se lles vén enriba. Delineante de profesión, actualmente auxiliar administrativo no Concello de Cambados e desde o 2014 presidente do C.A.C., Patricio empezou a correr no 2012 en populares, «e sempre queres máis», di. «No 2013 fixen a miña primeira mediamaratón, e no 2014 a miña primeira maratón, a de Porto», á que lle seguiron catro máis en Sevilla, na Coruña, en Barcelona e, o pasado novembro, Valencia. Todas rematadas. Como os ultratrails do Courel (88 quilómetros) e o Formenteira All Around Trail (76), máis dous medio Ironman.

A Aspérez, viticultor, déuselle hai sete anos polo BTT. De 96 quilos pasou a pesar 70. Sen dietas. Detrás, participacións en probas da dureza de El Soplao, que fixo tanto en modalidade de BTT (180 quilómetros) coma na combinada con trail (55 a pé e 120 en bici), a 4 Picos, ou a Andalucía Bike Race, competición dunha semana, con etapas diarias de 80 a 100 quilómetros. Porén, Aspérez di que «isto do Ironman foi unha chaladura de cabeza. Nunca fixen nada así».

Catro anos leva Sergio Santos, o benxamín do grupo (27 de Xullo de 1983), entre carreiras de atletismo e de BTT amateurs. Quizais por iso, inda compartindo cos seus compañeiros de aventura que «o obxectivo nas Pontes é acabar», é o único en falar de tempos. «Se todo vai moi ben, creo que podo facelo en 10,5-11 horas». Un oitavo posto no medio Ironman de Sanxenxo, a última pedra de toque do quinteto cambadés hai un mes, anima a pensar en positivo.

 

«2,5 non acabaremos a proba»

«O triatlón de outubro do ano pasado en Portonovo, de distancia olímpica (1.500 metros a nado, 40 quilómetros en bici e 10 a pé), é a proba máis longa que fixen», di Carmelo Oubiña (2 de Decembro de 1976). Mariscador coma Santos, autodefinido coma «máis explosivo» ca fondista, e con varias lesións nos xeonllos, Oubiña funde de saída un chisco máis os pés na terra cos seus compañeiros de aventura: «As estatísticas din que arredor do 45 % da xente non remata o Ironman. Nós somos cinco, e de cachondeo dígolle ás veces ao resto que de nós 2,5 non acabaremos». Claro que, contan, as estatísticas están para ser rotas.