Lembranza da escola do convento

Antonio Magariños Compaired, Luciano Fariña, Pilar Garrido, María Ángeles Losada

CAMBADOS

CEDIDA

O neto de Antonio Magariños Pastoriza recorda o centro que exerceu o ensino público en Cambados

25 jun 2017 . Actualizado a las 12:36 h.

Co fin de curso 1966 -1967 remataba a actividade escolar na Escola Graduada de Nenos de Cambados, coñecida como Escola do Convento pola orixe das súas instalacións. Este centro educativo, que tivo as súas orixes no primeiro terzo do século XIX, foi o único que exerceu o ensino público dos nenos varóns de Cambados, coa excepción da Escola do Pósito, creada en 1924 para os fillos, tamén varóns exclusivamente, dos seus asociados. É dicir, durante máis dun século, a meirande parte da poboación masculina de Cambados pasou polas aulas instaladas en dependencias do antigo convento franciscano, o que explica que o termo convento estivese asociado á lembranza da escola graduada.

En principio, ata 1911, foi unha escola única completa, o que significaba, segundo a terminoloxía da época, un único mestre responsable de impartir todas as materias previstas na Lei Moyano de 1857. A partir desa data conseguiuse unha aspiración moi sentida en Cambados e na España do momento: a escola graduada, que é a que perdura na memoria colectiva. Primeiro con dous grados (1912) e enseguida con tres (1914/1915). Se revisamos arquivos podemos constatar o gran prestixio que acadou esta escola no primeiro terzo do século XX. Pero o que máis interesa destacar é a súa longa continuidade dende 1835 ata 1967 no espazo e no tempo: Durante todos eses anos a escola do convento permaneceu no mesmo sitio e o seu percorrido institucional permite identificala como exemplo significativo da educación pública en España durante ese período.

Aínda hoxe son numerosos os ex alumnos que pasaron por esas tres aulas dos grados do convento e que poden ser testemuñas de prácticas escolares e de xogos do recreo que xa son historia. Nestas datas conmemorativas, queremos lembrar, dun xeito especial, os verdadeiros protagonistas de calquera proceso educativo: os mestres. É difícil identificar a todo os profesionais que pasaron por esta escola e non quixeramos referirnos unicamente aos máis coñecidos e recordados, porque todos, independentemente do éxito persoal alcanzado, fixeron o esforzo de alfabetizar e de instruír a varias xeracións. Polas mesmas razóns de gratitude e de recoñecemento, non debemos de esquecer as mestras que dende as escolas unitarias de nenas exerceron durante os mesmos anos a mesma responsabilidade, ata a confluencia en 1967 no Grupo Escolar ou Escola Nacional Mixta, hoxe Centro de Educación Infantil Antonio Magariños Pastoriza.

Os autores do artigo son: 

Luciano Fariña Falcón, fillo de Don José Fariña Gómez

Pilar Garrido Castromán, filla de Don Jesús Garrido Álvarez

María Ángeles Losada Fernández, neta de Don Clemencio Fernández Pulido

Antonio Magariños Compaired, fillo de Antonio Magariños Granda e neto de

Antonio Magariños Pastoriza