Final feliz da «chaladura de cabeza» dos cinco cambadeses de ferro

CAMBADOS

Cedida

Fernando Patricio, Sergio Santos, David Aspérez, José Lores e Carmelo Oubiña xa poden dicir que completaron un Ironman

27 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordaba o pasado mércores Carmelo Oubiña como de vez en cando, durante os seis meses longos nos que estiveron preparándose para o seu primeiro Ironman, lles dicía aos seus compañeiros de aventura que, tirando de estatísticas de abandono de anos precedentes, «de nós 2,5 non acabaremos» o Northwest Triman. O único triatlón de longa distancia que se celebra en Galicia, cos seus 3.800 metros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e un maratón a pé, 42,195 quilómetros, como reto, e ao tempo espantallo. Mais contra a razón, tan testana coa xeralidade das cousas, os cinco colegas cambadeses que en outubro do ano pasado se inscribían na gran cita das Pontes foron quen de superar os seus momentos de fraqueza e, alomenos unha vez na vida, probar ser homes de ferro.

David Aspérez Dopazo, no posto 28 da xeral final, foi o mellor dos cinco, empregando na bestial empresa 10 horas, 30 minutos e 46 segundos. Pouco máis lle levou a José Manuel Lores Meis, que con 10.39.57 ocupou a praza 39. Sergio Santos Lois tamén conseguíu baixar das 11 horas, con 10.54.55 e o posto 58, mentres Carmelo Oubiña Durán remataba 150.º en 11.55.46 e Fernando Patricio Rey, o presidente do Club de Atletismo Cambados, era 215.º en 13.21.05.

«Rematamos os cinco. Foi un éxito. Non defraudamos o pobo de Cambados», dicía onte Rey da que o común dos mortais non pode senón considerar unha xesta. Tanto el coma os seus catro compañeiros, con licenza do C.C. Triatlón Poio, amósanse especialmente contentos xa non por ter rematado cada un deles, como polo final feliz dos cinco a esa «chaladura de cabeza» coa que Aspérez se referíu a correr un Ironman.

«Do que estou máis contento é de que todos acabaramos. Iso foi a maior alegría. Cando nos cruzabamos animabámonos os uns aos outros. E no Club de Atletismo Cambados emocionáronse todos, empurrando desde a distancia», comentaba onte un José Manuel Lores que compartía cos seus compañeiros a dificultade para camiñar. Porque completar o Ironman requeríu de moita forza de vontade máis aló do medio ano de adestramentos. «Foi un día con demasiadas emocións. Ves a familia, ves os amigos apoiándote. Hai tempo para verte na crista da onda, e para verte afundido», lembra Lores. O segredo, «ir mantendo pensamentos positivos toda a carreira». O momento máis duro, como o de case todos, xurdíu no primeiro treito do maratón.

«No quilómetro 15 de carreira a pé o mundo se me veu enriba, din que no maratón hai un momento no que se che levanta unha barrreira, e hai que pasalo», lembraba no día despois Sergio Santos. O benxamín do grupo, o único que se fixara unha meta máis aló da finalización do Ironman, conseguíu o seu propósito de completalo en entre 10,5 e 11 horas. Con moita diferenza sobre as 15,5 fixadas pola organización das Pontes para o peche do control. Ese afán competitivo levou a Santos a «mirar o reloxio, e dicirme, ‘ou apreto, ou non chego’». E chegou. En tempo e forma. «As estatísticas de Carmelo fallaron, cando menos connosco. Rematamos todos», conta con fachenda de grupo.

Escoitándoo, estaba claro que, de acertar o adiviño dos cinco, Fernando Patricio non ía rematar entre eses 2,5 abandonos. «Foi unha experiencia única, «tiven moi boas sensacións durante todo o Ironman e rematei con boas sensacións igualmente. E con mellor tempo do que agardaba» declara quen está afeito a competir en ultratrails. Ata o punto de bromear dicindo que «o sector de natación me encantou, tanto que me deu pena ter que saír da auga para montar en bicicleta xa que daría unha volta máis» logo de 3,8 quilómetros movéndose polo lago das Pontes.

Un ultratrail, novo reto do presidente do Atletismo Cambados

Será difícil, alomenos este ano, ver os homes de ferro de Cambados facer o segundo Ironman das súas carreiras de afeccionados. No caso do presidente do C.A. Cambados, Fernando Patricio, porque «a preparación require seis meses, e entre iso e o traballo, non tes vida». Iso si, xa ten un novo reto de envergadura. O Ultratrail Desafío Somiedo, o 28 de xullo, de 86 quilómetros e 4.725 metros de desnivel positivo. Santos, polo seu lado, comenta que «non digo un non rotundo a outro Ironman. Ao mellor o vindeiro ano volto facelo».

O agoirador reanimado pola súa muller que di «non me colledes noutra»

«¡Buff...! Morto. Morto. Son un morto andante neste momento», dicía onte a primeira hora da tarde Carmelo Oubiña. O agoirador dos 2,5 abandonos feliz por ter fallado no seu recurso á estatística.

Oubiña foi, de feito, quen peor o pasou dos cinco para tirar para adiante. «Non estiven mal, pero pinchei un pouco na carreira a pé. Doíame un xeonllo, e aos dez quilómetros mareeime. Nese momento pensei en abandonar. Durante 20 minutos avancei camiñando. Facía calor, pero co vento non se notaba tanto». Afortunadamente, e máis aló dos ánimos duns espectadores entregados, Carmelo contaba coa súa familia nas Pontes. E sobre todo, coa súa muller. «Púxose ao meu carón, comezou andar comigo e a berrar ‘¡Veña, vai!’».

«Rachamos as estatíticas, inda que este ano se retiraron menos», sinala o cambadés. ¿Anímase entón a outro Ironman? «Non, non, non. Un, e non máis. Xa llelo dixen ao resto, non me colledes máis nunha aventura coma esta».