O Concello de Cambados despregará unha ampla axenda na feira de turismo Fitur

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Terán presentación propia no stand de Turgalicia o xoves 19 e ata Madrid viaxarán Samuel Lago e Fátima Abal

12 ene 2023 . Actualizado a las 15:33 h.

O Concello de Cambados participará un ano máis na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en xaneiro en Madrid. Ata alí se desprazarán o alcalde Samuel Lago e a concelleiro Fátima Abal para asistir a diversas presentacións nos stands de Turespaña e Turgalicia.

A delegación cambadesa abrirá a súa axenda o xoves ás 16.30 horas en Fitur Screen, o espazo no que a Deputación de Pontevedra contará por primeira vez cunha caseta promocional para presentarse como opción para albergar calquera tipo de produción audiovisual.

Posteriormente, Cambados terá visibilidade dentro do stand da Rede Pobos Máxicos de España que se presentará en Fitur o xoves 18 ás 17 horas.

Ademais, este ano o Concello de Cambados terá presentación propia dentro do stand de Turgalicia, onde o alcalde intervirá o xoves ás 14 horas. «O recoñecemento de Interese Turístico Internacional acadado pola Festa do Albariño danos unha gran oportunidade para poder amosar Cambados como lugar para vir e para vivir, tal como se expresa nun dos vídeos que proxectaremos este ano na Feira de Turismo», sinala Samuel Lago.

O Concello estará representado tamén na campaña da Deputación «Orixe Rías Baixas», o xoves en Turespaña. Posteriormente, o mesmo día, ás 17.45, Samuel Lago e Fátima Abal acudirán o acto de presentación da Mancomunidade do Salnés que terá lugar no espazo de Galicia. 

Neste caso, a vila cambadesa visibilízase como unha das etapas das diferentes rutas xacobeas que ofrece a comarca, enmarcadas neste ano no audiovisual «Camina Conmigo».

Por último, o alcalde e a concelleira asistirán á Gala Q de Calidade que se celebrará ás 21 horas no Palacio de Cibeles, «onde recolleremos o distintivo que por primeira vez se concede á Oficina de Turismo de Cambados», segundo informan desde o Concello.