Os alemáns coñecen o modelo educativo do CEIP de Meaño-As Covas

La Voz MEAÑO

MEAÑO

Unha delegación de Baviera visitou varios centros do sistema educativo galego

16 oct 2023 . Actualizado a las 10:47 h.

O CEIP de Meaño-As Covas foi un dos centros elixidos para amosar o sistema educativo galego a unha delegación chegada de Oberfranken (Baviera, Alemaña) interesada en coñecer as políticas educativas e o traballo dos centros en materia de dixitalización e infraestruturas TIC, formación do profesorado ou atención ao alumnado con necesidades especiais, inclusión e gobernanza, entre outros ámbitos.

Acompañados pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, a delegación tivo a oportunidade de visitar o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX). Un centro galego que, tal e como puideron comprobar, colabora directamente co ISB (Instituto Estatal de Calidade Escolar e Investigación Educativa), institución de referencia para a delegación bávara que pon a disposición dos centros educativos alemás os resultados de diferentes investigacións sobre experiencias nas aulas e que asesora e apoia ao Ministerio de Educación e Asuntos Culturais de Baviera. Ademais, coñeceron de primeira man a actividade do Centro Autonómico de Formación e Innovación, onde se lles presentaron as liñas de formación do profesorado que ten en activo a Xunta de Galicia e a estrutura dos plans neste ámbito.

No que atinxe ao funcionamento dos centros, o equipo bávaro visitou o Instituto IES San Clemente de Santiago, onde foi se informaron sobre os procesos de dixitalización do centro, funcionamento do claustro ou as prácticas de inclusión. Fóra do ámbito urbano, coñeceron en primeira persoa o traballo dos colexios plurilingües CEIP de Meaño-As Covas e de Chancelas (Poio), ambos centros destacados en inclusión, uso de recursos dixitais e formación docente.