«A rivalidade entre veciños é sa. Se non a houbera o fútbol sería moi aburrido».

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

O mandatario do C.D. Ribadumia leva no cargo tan só desde o pasado verán.
O mandatario do C.D. Ribadumia leva no cargo tan só desde o pasado verán. mónica < / span>ferreirós< / span>

Os mandatarios agardan un derbi arousán da Terceira incerto, entre dous equipos que xogarán á marxe de calquera especulación

05 feb 2016 . Actualizado a las 14:22 h.

Ribadumia e Arousa veránse as caras o domingo na Senra (17 horas), un derbi entre dous clubs aos que a competición está a igualar de maneira insospeitada. Os seus presidentes falaron onte do encontro de rivalidade. Un partido no que as dinámicas dun e doutro equipo levan o mandatario arlequinado, Manolo Abalo, a chegar a dicir que «ao mellor o favorito nesta ocasión é o Ribadumia». No seu papel de perfecto anfitrión, Alberto Vázquez deséxalle ao Arousa «os maiores dos éxitos, e que agás o domingo, gañe todos os partidos».

Alberto Vázquez Ruibal (Ribadumia, 5 de decembro de 1957) descoñece se son dúas ou tres as décadas de socio dun C.D. Ribadumia no que se estreaba coma directivo o pasado verán, nada menos que asumindo de primeiras o cargo de presidente relevando a José Ramón Cores. Este, polo tanto, é o seu primeiro derbi na Senra.

-Sete xornadas sen perder, con 15 dos últimos 21 puntos en xogo no peto, mentres que o Arousa só se fixo cun de cada tres nas once xornadas precedentes...

-Home... Os últimos resultados do C.D. Ribadumia son froito do traballo que vén facendo desde o inicio da tempada o 13 de xullo. O Ribadumia é un equipo con moita xente nova, cun sistema novo, e iso precisaba tempo, corrixindo erros. E cando fas un traballo ben feito, ten que saír algo bo. O que vaia pasar en diante, Deus dirá. Eles foron a menos, e nós a máis.

-¿As dinámicas poden ser un factor importante neste partido?

-Para nada. Nun partido destes nunca hai favoritos. Por equipo, por caché, e por masa social o favorito é o Arousa. O Ribadumia non gañou nada, só pode presumir dun grupo de traballo implicadísimo, e dun corpo técnico digno de eloxiar. Pero para min nun partido de rivalidade non hai favoritos, e pode pasar calquera cousa.

-O obxectivo do C.D. Ribadumia ao inicio da tempada era acadar a permanencia. Os últimos resultados animan ao optimismo, pero visto o visto na Terceira semella que tocará sufrir...

-Si. Este ano, polo que levo visto, este ano hai máis igualdade. O pechacancelas gáñalle ao líder. Non hai dúbida de que hai cinco ou seis equipos que van quedar arriba, porque o nivel dos planteis nótase, pero por implicación, por traballo e por humildade ningún nos gañou.

-Veñen de incorporar a Borja Peña do Celta B en calidade de cedido. Máis xente nova, e máis manofactura da fábrica da Madroa para o vestiario da Senra. Vendo como vai a Liga, e o que se están a xogar, a maioría dos equipos na súa situación apostarían por fichar un veterán...

-O equipo está moi ben. Esta incorporación foi circunstancial. Non pedimos nada. Ofrecéronnos este rapaz, porque no Celta B non tiña minutos. E nós somos un club cos brazos abertos. E aquí non hai figuras. Se o equipo se salva será polo traballo de todos, non por unha, dúas ou tres figuras.

-Partido de rivalidade veciñal. ¿Encontro de 3 puntos, ou é deses partidos que ou te catapultan ou te deixan mal ferido?

-Non. Non. Niso ao equipo non lle vai afectar para nada. O Ribadumia xoga igual se o ten que facer co Arousa ou co Ribadeo. Pero si che fastidia perder. A rivalidade é sa. Porque se non houbera rivalidade o fútbol sería moi aburrido.

-¿Que cre que verán os afeccionados na Senra este domingo?

-Creo que os dous equipos van ir polo partido. O Arousa, xa por entidade non pode especular, e o Ribadumia por filosofía. No dni do noso equipo está tentar gañar todos os partidos.

-Un marcador.

-Imposible. Iso non o sabe nin Rappel.