A praga de lesións no C.D. Ribadumia engade dous novos capítulos

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Rafita, cunha escordadura de nocello, e Ander, cun forte golpe nunha cadeira, son dúbidas esta semana

26 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ver o C.D. Ribadumia sexto na clasificación da Terceira División con 17 puntos e a tiro de triunfo do líder, o Rápido de Bouzas, ten un dobre mérito. O dun plantel fóra da órbita dese fato de claros candidatos a pelexar polas catro prazas con dereito a xogar a fase de ascenso a Segunda B ao termo dun campionato regular que xa queimou as súas dez primeiras xornadas. E dun equipo que desde o mesmo inicio da Liga encadea lesionado tras lesionado de media e mesmo longa duración.

Ata seis baixas pode chegar a manexar este domingo David Sierra na visita do Cerceda ao campo da Senra. Con Rafita e con Ander ameazando con sumarse ás ausencias xa confirmadas de Bugallo, de David Rodríguez, de Pacheco e do hospitalizado Changui.

Unha escordadura forte nun nocello obrigaba a Sierra a sacar do campo a Rafita o pasado domingo nos primeiros compases da cita co Choco en Redondela. Ander, pola súa banda, rematou con moita dor na cadeira, tras chocar co porteiro rival. Tanto a evolución do lateral esquerdo como a do dianteiro lles facía pensar onte ao adestrador aurinegro que terá que prescindir do concurso de ambos para elaborar unha lista de 16 para a que, agás sorpresa, dispón hoxe dos efectivos xustos sen recorrer ao filial ou ao plantel xuvenil.

A serie negra de baixas do C.D. Ribadumia arrincou na mesma pretempada. Cunha rotura de fibras nun cuádriceps de Bugallo. A gravidade do percance queda reflectida no feito de que Sierra non sexa quen inda hoxe e tras dez xornadas de Liga consumidas de dar un prazo para a volta aos terreos de xogo do central vilagarcián.

David Rodríguez lesionábase nos isquiotibiais o 14 de setembro no partido de Copa RFEF co Pontevedra. Recuperouse pero recaeu, e a súa volta semella próxima. Non como a dun Pacheco pendente de probas médicas para determinar a natureza exacta dos seus problemas no lombo, que o 2 de outubro o obrigaron a retirarse no encontro co Ordes.

Con Changui apuntando a baixa de longa duración, afortunadamente tamén hai boas novas no capítulo de reaparicións. Como os primeiros minutos de Jónathan, ao que unha escordadura de nocello fronte ao Compostela na xornada 2 o mantivo fóra de xogo ata hai un par de semanas; e tamén a reaparición de Anxo o pasado domingo, recuperado da tendinopatía do prantar delgado dun pé, lesión que sufría o 11 de setembro na visita ao campo do Silva.

 

«Que no tengamos más bajas»

E pese a todo, o dito, un equipo quen de moverse nas proximidades da zona nobre da clasificación, sumando case o 60 % dos puntos en xogo, cun equilibrio case perfecto entre produción ofensiva, 13 goles a favor, e encaixe defensivo, 12 en contra. Así as cousas, David Sierra tan só pide «que no tengamos más bajas».