María Pérez gaña o C-1 500 Júnior na Copa de España, con triunfos colectivos do Breogán e das Torres

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

E. Durán (Cedida)

O K-4 de formación do club catoirense tamén se subíu ao máis alto do podio no encoro asturiano de Trasona, onde se rexistraron sete medallas breoganistas

25 abr 2017 . Actualizado a las 16:21 h.

As mulleres déronlle a pasada fin de semana grandes alegrías á expedición arousá na Copa de España sobre 1.000 metros, e de 500 para as féminas. Co triunfo do Breogán e das Torres-Romaría Vikinga nas clasificacións por equipos das categorías sénior e xuvenil de mulleres, respectivamente. O club grovense rematou, ademais, terceiro na clasificación global sénior, e cuarto na combinada de séniores e júniores dos dous sexos no encoro asturiano de Trasona.

A nivel individual, o Breogán voltou con sete podios, se ben ningún primeiro posto. Os dous triunfos arousáns na Copa de España de 1.000 chegaron na categoría júnior da man da gran esperanza olímpica do Náutico O Muíño de Ribadumia, María Pérez Aragunde, e do K-4 das Torres, con Catuxa Fabeiro, con Xoana García, con Aldara Merino e con Fátima Ordóñez superando por 183 milésimas de segundo a embarcación do Labradores de Sevilla.

María Pérez, pola contra, gañou cunha enorme claridade. A deportista, concentrada coa selección española en Sevilla, empregou 2.23,852 para ser a primeira no C-1 500, con Antía Jácome, do C. Pontevedra, segunda en 2.30,177.

O Breogán celebrou as pratas de Noel Domínguez (C-1 1.000 Júnior), de Tania Álvarez e Natalia García (K-2 1.000 Sénior), e de María Calvo (K-1 L3 500); e os bronces de Domínguez e de Camilo Ortiz (C-2 1.000 Júnior), do Muller Sénior K-4 500, de Diego Romero e de José Manuel Sánchez no C-2 1.000 Sénior, e dun Romero con molestias estomacais no C-1 1.000, a 4,4 segundos do vencedor, Adrián Sieiro.