Manuel Fontán irá aos Xogos Europeos da Xuventude tras o Europeo Júnior

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Cedida

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Náutico O Muíño de Ribadumia conta desde o ano pasado con dúas ventás cara ao mundo nas figuras das súas dúas grandes promesas da canoa. María Pérez e Manuel Fontán Señoráns. Este último encadeará nun mes dúas das tres grandes citas ás que un padexeiro inda en idade cadete coma el pode aspirar. O Campionato de Europa Júnior e Sub-23, que desde mañá e ata o domingo se disputará na capital de Serbia, Belgrado. E a finais de xullo en Györ, Hungría, os Xogos Europeos da Xuventude, a gran cita continental, a modo duns Xogos Olímpicos, para deportistas Sub-16.

No Campionato de Europa Manuel Fontán competirá na modalidade olímpica do C-2 1.000, con Pablo Rodríguez, do Piragüismo Poio, coma compañeiro, e no C-2 500, neste barco xunto con David Barreiro, do Náutico Rodeira de Cangas. Será a segunda experiencia internacional do deportista do Muíño, tras palear no 2016 no C-4 500 do Mundial Júnior.

Noutra orde de cousas, o equipo elite do club ribadumiense vén de ser incluído pola Xunta de Galicia no plan de patrocinio que mantén con Abanca, con Galicia Saudable e con Deporte Galego.