O Concello organiza o seu eslálom de promoción sen participación do Muíño

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A contorna de Cabanelas será na mañá do domingo, por oitavo ano, o escenario dunha das probas da Liga Galega de Promoción de Eslálom. Por vez primeira, sen o Club Náutico O Muíño como organizador, nin participante, co Concello de Ribadumia, ata agora colaborador da regata, pasándoa a organizar. Unha situación que reflicte o profundo desencontro que desde hai meses arrastran a entidade deportiva e o goberno local que encabeza David Castro, que xa mantiveran unha polémica pública arredor da proba que, polo visto onte, rematou en separación. Haberá que ver se divorcio, logo de que onte ningún representante do Muíño asistira á presentación oficial da proba, declinando posteriormente os responsables do club facer ningún tipo de manifestación ao respecto.

O alcalde, David Castro, estivo acompañado onte do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, no anuncio da cuarta cita do calendario da Liga Galega de Promoción de Eslálom. O rexedor informou de que a competición, para padexeiros benxamíns, alevíns e infantís, arrincará ás once da mañá. Bea contou que serán 80 os competidores, dos clubs pontevedreses Penedo, Teo Mondariz e Teixugos de Tomiño, o coruñés Dumbría e o Quixós de Lugo. Sen correntes nin saltos, o reto para os rapaces destas idades é aprender a superar con velocidade e sen penalizacións o paso e o remonte polas portas do trazado.

Preguntado pola ausencia do Muíño, Castro declarou que o club «viña colaborando co eslálom, e imaxino que seguirá colaborando. Isto é unha familia, e debemos traballar todos xuntos. Falouse se organizaba o Concello, se a organizaba o Náutico. Non quedou nada claro, e o Concello asumíu a organización».

O alcalde dedicou boa parte da súa intervención a subliñar a firme aposta do seu goberno polo deporte, e a relevancia do piragüismo para a localidade: «O Concello vén apoiando o deporte, e cremos que esta é unha proba máis que debemos respaldar, e máis sendo piragüismo, que en Ribadumia ten tanta importancia. É un deporte que ten unha tradición moi importante, e leva o nome de Ribadumia por distintos países».

Fontán, directo á final do C-2 500

O Campionato de Europa Júnior e Sub-23 arrincaba onte en Belgrado, Serbia. E fíxoo cos tres arousáns nas filas da selección española disputando as series eliminatorias das seis probas nas que están inscritos. Co padexeiro do Muíño Manuel Fontán encabezando os resultados, ao ser quen de clasificarse directamente na final polas medallas do C-2 500 Júnior coma segundo da súa serie xunto a David Barreiro, do Rodeira de Cangas, a 1,620 segundos da parella húngara formada por Ádám Slihoczki e por Attila Szoke. A regata polo título será o domingo a partir das 10.50. Antes, pola mañá, Fontán meteuse nas semifinais de hoxe do C-2 1.000 con Pablo Rodríguez, do Poio, coma sextos da súa serie. O mesmo que fixeron Antía Santiago, do P. Illa, sétima na serie do K-2 1.000 e oitava na do K-4 500 júnior, e Raquel da Costa, das Torres, sexta no K-2 500 e sétima no K-2 1.000 Sub-23.