Técnicos de toda España aprenden coa experiencia valguesa da compostaxe

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Visitaron o punto limpo e un domicilio para coñecer a compostaxe doméstica

09 may 2024 . Actualizado a las 16:21 h.

Un grupo de case trinta técnicos de diferentes zonas de España que están a estudar o nivel 3 de Mestría en Compostaxe estiveron este xoves en Valga como parte da súa formación para coñecer unha experiencia real de implantación dun sistema de compostaxe nun concello rural. Foron recibidos no auditorio do Museo da Historia polo alcalde, José María Bello Maneiro, que lles comentou algunhas das características de Valga, facendo fincapé en cuestións como a dispersión poboacional ou o seu carácter industrial.

A continuación, a mestra composteira Silvia Torres, realizou unha presentación sobre o proxecto de compostaxe que se desenvolve no concello dende que, no ano 2019, se implantou este sistema de reciclaxe dos residuos orgánicos a través do Plan Revitaliza da Deputación. Actualmente hai distribuídos en domicilios particulares de Valga 1.013 composteiros individuais, outros 11 atópanse repartidos polos centros educativos e hai instalados tres centros de compostaxe comunitaria en varios edificios públicos.

No 2023 xestionaron en Valga 253 toneladas de residuos orgánicos, obtendo 100 toneladas de compost. Ademais, dende a implantación do proxecto de compostaxe melloraron as cifras da recollida selectiva, pasando dun 15 % a un 28 %, segundo informa o Concello.

Os participantes na visita achegáronse ata un domicilio particular, o da familia Magán en Senín, para coñecer o desenvolvemento da compostaxe doméstica e como o abono natural obtido se emprega en plantacións de froiteiras e en horticultura ecolóxica. O percorrido continou, despois, pola avenida da Coruña, como mostra de compostaxe comunitaria, e polo CEIP Baño-Xanza, un exemplo de gran produtor de biorresiduos.

A ruta por Valga tivo como último parada as instalacións do punto limpo, a onde se trasladan os restos de poda e limpeza de zonas verdes municipais para trituralas co equipamiento municipal. Alí Yoel López lles explicou como se traballa nas instalacións logo de ser recuperadas do abandono.