«Confórmome con gañar. Se é cun 0-1 de penalti no derradeiro minuto, váleme». Manuel Abalo, Arousa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Abalo está curtido en ducias de derbis tras décadas coma directivo do Arousa.
Abalo está curtido en ducias de derbis tras décadas coma directivo do Arousa. m.f.< / span>

05 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Manolo Abalo (Vilagarcía, 18 de setembro de 1951) leva na presidencia do Arousa desde o 2010, pero o seu historial directivo nas oficinas da Lomba esténdese durante décadas. Por iso, non lembra xa cantos derbis comarcais leva enriba.

-Un punto sumado de cada tres en xogo nas once últimas xornadas. O Arousa dista de ser ese equipo que ía pelexar por entrar na fase de ascenso...

-Ben... A verdade é que non tivemos moita sorte nos últimos partidos. Por unhas circunstancias ou por outras. Quédome con que o equipo o está a tentar. Por actitude non hai nada que reprocharlle, dáo todo. Haberá que resignarse, e agardar a que cambie a sorte. Xa o diciamos ao principio, que ao final de tempada habería que ver se a sorte nos acompañaba. De momento estános a esquivar. Hai que seguir pelexando.

-Entón ¿a que aspira agora o Arousa?

-Eu son sempre optimista. Creo que se encadeamos tres vitorias podemos meternos arriba. Se encadeamos tres derrotas tamén podemos meternos abaixo. En principio a que aspira o Arousa, a gañar partidos para non pasar problemas por abaixo, e meternos arriba. Eu non descarto nada.

-O veciño e rival encadea sete xornadas sen perder. Vostedes sácanlle 5 puntos na clasificación. ¿Quen é o favorito no Ribadumia-Arousa deste domingo?

-Nos partidos de rivalidade non existe favorito. Pode gañar o que está por abaixo sen problema. É máis, canto máis apretado é cando ao mellor o tentas máis. E sei que o Ribadumia está xogando ben ao fútbol. Ao mellor os favoritos nesta ocasión son eles. Ti o dixeches, eles nos sete últimos partidos non perderon, e nós dous o tres.

-O Ribadumia deu fichado no derradeiro día do mercado de inverno, vostedes non. É máis, na Lomba tiveron que conformarse cun lateral que levaba un mes na Terceira Autonómica e outro con oito meses no dique seco. ¿Que foi daquilo de que todo o mundo quere vir xogar o Arousa?

-Home. Segue a ser así. O único problema é que o Arousa ten un orzamento, que quere cumprir, e con toda a xente. Os que están lesionados seguen a cobrar coma se estivesen xogando. E logo hai unha cousa clara, fichar por fichar, xa dixemos que non o iamos facer. Que de fichar fariámolo para traer futbolistas que viñesen mellorar o que temos. E por unhas circunstancias ou por outras non se deron eses xogadores.

-Para o Arousa ¿o da Senra é outro partido de 3 puntos, ou un deses encontros que poden marcar o equipo?

-Tres puntos. Son 3 puntos importantes. O que gañe sairá contento, e o que non sume non sairá contento, e coa cabeza baixa.

-¿Que tipo de partido agarda?

-Vai ser un partido de moita tensión, no que os dous equipos quererán gañar. Típico partido de rivalidade. Seguramente non se xogará tan ben como outros partidos. O que desexo é que sexa un partido fermoso, e se non, que sexa emocionante.

-Un resultado...

-Confórmome con gañar. Dáme igual o resultado. Se é 3-4 mellor, porque sería bonito para o público. Pero se é cun 0-1 de penalti no derradeiro minuto, váleme.