Cabanyes perderáse dous ou mesmo os tres últimos partidos pola súa escordadura

vilagarcía / la voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

O Arousa queda así sen o seu principal referente goleador no seu empeño por tentar a mellor clasificación na Terceira en 21 anos

28 abr 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

O Arousa tiña programado onte á noite o seu partido de dezaseisavos de final da Copa Deputación no campo do Beluso. Un choque que encaraba coas baixas de Jorge Pérez, Carballa, Cardeñosa e Alberto Cabanyes. Pero mentres os dous primeiros deberan estar dispoñibles para o choque de Liga deste domingo na Lomba fronte ao Alondras, os dous últimos serán baixa. O central, por unha elongación muscular no seu aductor dereito. O dianteiro centro, por unha forte escordadura no seu nocello esquerdo. Ambos lesionados no encontro do domingo nun Pepe Barrera de Ribadeo case sempre ao límite das condicións mínimas para a práctica do fútbol.

O gran problema para o Arousa é que Cabanyes, o segundo máximo goleador do equipo con 9 tantos tras Sylla, con 11, e o futbolista que estaba a ver porta con maior facilidade na segunda volta da Liga, perderáse de dous a tres partidos, ao ser a súa escordadura de nocello de grao 2, nunha escala de 3.

Sen dúbida é esta unha pésima nova para un Arousa que, vista a Liga, precisaría de facer o que non consegue desde setembro do 2013, encadear tres triunfos, para rematar nun quinto posto que sería a súa mellor clasificación en 21 anos na Terceira.