Convocan en Vilagarcía unha concentración de rexeitamento da lei de ensino

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A plataforma galega en defensa do ensino público vén de convocar unha mobilización que se desenvolverá mañá, a partir das doce do mediodía, na praza de Galicia de Vilagarcía. O obxectivo da concentración, que coincide coa xornada de folga convocada nos centros educativos, é amosar o rexeitamento da sociedade arousá da Lomce, a controvertida reforma educativa posta en marcha polo Goberno de Mariano Rajoy baixo o mandato do exministro popular Ignacio Wert.

Esta mobilización, lembra a plataforma, forma parte dun calendario moito máis amplo, que se está a desenvolver dende o inicio deste curso. Entre outros actos, o colectivo fixo unha entrega simbólica de cabazas na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e unha concentración de profesorado e alumnado dos institutos de Ensino Secundario, que se levou a cabo en horario de recreo o xoves pasado. «Esta concentración -subliña a plataforma polo ensino público- está dirixida a toda a comunidade escolar, tanto familias como alumnos e profesores, e á cidadanía en xeral».