O Cortegada xogará o domingo un partido clave para a fase de ascenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

As de Rubén Domínguez recibirán en Fontecarmoa o sexto clasificado, o Lima-Horta Barcelona

28 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un triunfo o pasado sábado na cancha do C.B. Arxil tería suposto para o Kemegal Cortegada un paso de xigante de cara a entrar na vindeira fase de ascenso á Liga Feminina. Co cadro pontevedrés, quinto na clasificación, agora dous triunfos por debaixo, o conxunto que dirixe Rubén Domínguez mantén en todo caso unha situación privilexiada, terceiro na táboa e conservando alomentos o basketaverage ao seu favor. Co 67-55 colleitado na primeira volta en Fontecarmoa superando o 55-52 da derrota vilagarciá hai catro días.

 

A falta de tan só xa media ducia de encontros para a finalización da fase regular do campionato o Cortegada ten este domingo ante si outra oportunidade de acelerar a súa presenza entre os catro mellores equipos da Liga ao seu termo. Nun encontro que o mide en cancha arousá ao sexto clasificado, cos mesmos 11 triunfos e 9 derrotas có C.B. Arxil. Un Lima-Horta Barcelona co que o Cortegada chegara a un acordo para adaptar os horarios dos seus dous partidos de maneira que ambos os dous equipos puidesen cubrir os seus longos desprazamentos de ida e de volta no mesmo día. De aí que o Cortegada pase o seu habitual horario como local do sábado ás 19.30 á sesión sabatina das 12.

 

Unha Liga igualadísima

Tras a derrota co Arxil, o voceiro do Cortegada, José Gorgoso, reiteraba onte a súa opinión de estar ante a LF2 máis igualada de cantas recorda. Con exemplos como a derrota do líder, o Aros, co Ensino, 70-67, ou o moito que lle custou gañar o cuarto, o Joventud Les Corts, co pechacancelas, o Ponce Valladolid, 53-55.