«O luns voltarei a traballar para aproveitar a vindeira oportunidade»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Logo de ser cesado no segundo club lituano, o arousán confía en atopar pronto outro oco no baloncesto de superelite

03 mar 2017 . Actualizado a las 01:22 h.

Alberto Blanco (8/I/1970) voltaba a Vilagarcía o pasado domingo. Catro meses antes do que lle tería gustado, logo de ser destituído do seu cargo de axudante técnico no vestiario do Lietuvos Rytas, o club no que desembarcaba no verán do 2015 da man do seu amigo Marcelo Nicola. Tras sobrevivir ao pronto despedimento do arxentino, Blanco conservou o seu posto cos tres técnicos lituanos que viñeron despois, gañando a primeira Copa do Rei de Lituania o ano pasado. Pero a eliminación na Eurocup ás portas dos cuartos de final por un basketaverage co Zenit custoulle o posto a Tomas Pacesas, e o seu sucesor, Rimas Kurtinaitis, non contou co vilagarcián, que declinou a oferta de seguir traballando para o club no seu equipo B.

 

-Destituído Pacesa, ¿a súa era a crónica dun despedimento anunciado no Lietuvos Rytas?

-A ver, non. Ao mellor se o novo adestrador non esixira impoñer o seu staff técnico podería seguir alí. Se onte estiveramos xogando os cuartos de final da Eurocup, eu non estaba hoxe aquí. No primeiro momento quedas un pouco frío. Pero á media hora só podía estar agradecido. Polo que aprendín, pola experiencia; ser o primeiro adestrador de Galicia na Eurocup. O que fixen foi traballar moito, moito, moito; e aprender. E teño claro que deixo a porta aberta alí. ¿Algún erro? Non.

 

-Un ano antes superou tres situacións en precario idénticas. Comezando polo corte do seu valedor no club lituano, Nicola...

-O lóxico tería sido que en novembro do 2015 me tivesen rescindido o contrato cando destituiron a Marcelo Nicola. O lóxico tería sido que en xaneiro do 2016 tivesen prescindido de min cando cesan a Aurimas Jasilionis, o sustituto de Marcelo. E o mesmo ao final da tempada, cando o club decide non seguir con Arvydas Gronkis e contrata a Tomas Pacesas. Non me podo queixar de nada. Agora ficharon un novo adestrador, e trae a súa xente. Esa é a lóxica do mundo hiperprofesional. Falamos de que eu era o axudante dun técnico estranxeiro, nun club que nos últimos sete anos tivo 17 primeiros adestradores. Non podo dicir nada en contra do Lietuvos Rytas, porque o seu comportamento comigo non foi de 10, foi de 12.

-¿Como valora a experiencia?

-¡Marabillosa! Repetiría isto 100 veces. O sábado tiven unha cea de despedida cos traballadores do club, e de repente o representante do Lietuvos Rytas entrégame o reloxio do club. É algo que só lles dan aos primeiros adestradores e aos patrocinadores. Díxome: ‘Gañáchelo’. O seleccionador lituano mandoume mensaxes. Recibín unhas 100 mensaxes nas redes sociais de afeccionados do equipo cos que nunca falara dándome as grazas. No anuncio da miña marcha tiven máis likes que cando se foi David Logan, o capitán. Notaba que era unha persoa querida.

 

-¿Que botará máis de menos, e sen que respira agora aliviado?

-Botar de menos, o estrés destes dous anos; a adrenalina de xogar a ese nivel. ¿Aliviado? De nada. Iso si, vou gozar esta semana. No verán botei dous meses en Vilagarcía, e houbo quen me dixo que non me vira. Non parara de traballar.

-¿E que toca agora na carreira de Alberto Blanco?

-O luns teño que voltar traballar, para aproveitar a vindeira oportunidade. Confío en que sexa neste súper máximo nivel, de Euroliga, de Eurocup, ou dun equipo que pelexe por gañar unha Liga de primeiro nivel. Se non o consigo, atopar un equipo de nivel medio dunha Liga importante, coma a ACB ou a Lega. E traballar tamén na posibilidade dun terceiro nivel, coma primeiro adestrador en países coma Bélxica, Holanda ou Suecia. Xa me estou a mover. E se non sae nada, retornar ao traballo coa miña empresa de escouting para equipos NBA, NCAA e de Euroliga. Pero estou tranquilo. Confío en que me vai saír algo.