Vilagarcía súmase ao plan Apego de crianza en galego

O Concello entregará unha cestiña cun polbiño de trapo, unha guía sobre a crianza en galego, un listado de nomes, un álbum de lembranzas e un medidor

vilagarcía / la voz

O Concello de Vilagarcía ven de entrar na lista trinta concellos que participan no programa Apego, que ten por obxecto principal promover a crianza en galego e, en consecuencia, a transmisión interxeneracional da lingua. O acto de adhesión realizouse hoxe en Nigrán, con asistencia de todos os municipios implicados.

Sonia Outón, a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística en Vilagarcía, indicou que nesta primeira fase o Concello investirá 6.500 euros, que se destinarán principalmente a sufragar a parte que lle corresponde do deseño da campaña e á adquisición das primeiras 250 cestiñas. O comezo efectivo da campaña comezará, previsiblemente tralo verán.

As familias que desexen participar só terán que inscribirse no servizo de normalización lingüística do Concello. A partir de aí, ademais da cestiña, recibirán información puntual sobre as actividades que se vaian organizando. Cada caixa conterá un polbiño de trapo, a mascota oficial, canda unha guía informativa sobre a crianza en galego, un listado dos nomes en galego, un álbum de lembranzas, un medidor, un adhesivo para o vehículo e un CD compendio de todo o que significa Apego.

A inclusión de Vilagarcía en Apego foi aprobada polo pleno no pasado mes de novembro a proposta do BNG.

Votación
0 votos
Etiquetas
Vilagarcía de Arousa Normalización lingüística BNG Nigrán
Comentarios