«Apostar polo que comemos é apostar por nós»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Vanesa, que sabe do que fala, cociña 18 pratos cada día e pide un maior coidado coa alimentación dos nenos

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Paseamos por diante da praza da Peixería cando un arrecendo do máis apetitoso fai que nos deteñamos coma cravos diante de Bembó, a tenda que dende hai xa case tres anos rexenta Vanesa Feixó en Vilagarcía. Alimentos galegos, alimentos de calidade, ecolóxicos, para celíacos, un grupo de consumo que funciona moi ben e, por riba de todo, comida para levar, pero da de verdade. Vanesa anda metida en materia, na cociña que pode albiscarse dende o mostrador. «Cociño 18 pratos todos os días, e a verdade é que a comida é o noso forte». A idea coa que Bembó abriu as súas portas consistía nunha aposta: «Si, apostamos moi forte por tratar de mudar a alimentación da xente, por darlle pulo aos hábitos máis sans no canto da alimentación, digamos, industrial». Polo visto, a cousa prospera. «Estamos enfocados á xente que traballa e que non ten tempo para cociñar, porque comer ben todos os días require tempo e coidado; nós facémolo por eles. Tamén a xente maior, que igual enferma e tampouco pode facelo, xente que non ten práctica na cociña, e tamén hai clientes que comen no traballo, na oficina, e levan a súa comida de aquí, contan con nós».

Vanesa leva, dalgún xeito, todo isto no sangue. Por algo é filla de quen é, o mestre Paco Feixó. Nótanse as cousas feitas con paixón e interese. Pero unha cousa é querer comer ben, e outra poder custealo. Non sabemos se é un tópico, pero a idea de que alimentarse con produtos sans é caro está moi estendida. A nosa cociñeira deste domingo ten un par de cousas importantes que dicir a este respecto: «Eu non diría que é caro, senón que é un pouco máis custoso. A ver se me explico. Caro é algo que mercas e non repercute en ti, pero somos o que comemos, e apostar polo que comemos é apostar por nós. Non hai que desprestixiar a alimentación que podes atopar xeralmente, pero é verdade que hai moito azucre, moito aditivo e un exceso de trigo en case todas as cousas. Comer ben non é un gasto, é un investimento, ¿e que mellor investimento podes facer que en ti mesmo?».

Razóns que convencen. E, para botar un cable, practicamente dende o intre da súa fundación Bembó pon a disposición dos seus clientes un grupo de consumo. «Temos un grupo de agricultores ecolóxicos da zona de Melide, apostamos por eles e comezamos traendo froitas e verduras ecolóxicas. Pouco a pouco a gama de produtos foi medrando. Temos carne de tenreira cachena de Lugo, estamos metendo embutidos, coello, año, leite ecolóxico...». Polo de agora hai 45 familias asociadas a esta iniciativa. «Servímolas semanalmente e non hai un pedido mínimo. Na lista sempre, sempre, vén a procedencia do produto. Loxicamente non é o mesmo comer mazás de Melide que de Perú. Nós apostamos polo produto galego». Produto ecolóxico, de confianza, de aquí e, ¿caro, unha vez máis? «Onde pode haber máis diferenzas é no prezo de produtos coma o polo, por exemplo, pero se falamos da tenreira, non é moita. E sabendo que se trata dun produto de confianza, asumes esa diferenza».

Trucos para os máis pequenos

Vanesa aprecia que, en resumidas contas, os hábitos dos adultos van mudando cara esa mellor alimentación que ela defende. No sucede o mesmo, non entanto, cos máis pequenos. «Penso, pola miña experiencia, que non estamos enfocando esa idea igual de ben nos nenos. Non sei se por falta de tempo, ou de paciencia, os pais tenden a levar outras cousas para os pequenos. Temos moito prato vegano, pratos con carne, peixe, vexetais, sen lácteos, sen ovos, sen glute, pensando tamén en quen sofre de alerxias, pero para os fillos o que un leva son unhas croquetas, unha milanesa de polo». ¿Hai outro xeito de facer as cousas? «Claro, nós comemos de aquí, e o que facemos pode comelo calquera. As lentellas que facemos, por exemplo, son vexetais, e a única diferenza é que non levan chourizo. Os nenos terían que comelas igual, pero, aínda que pareza mentira, é máis doado mudar os conceptos dos adultos cós dos nenos».

Falando de todo un pouco, ese arrecendiño continúa aquí. «Estou facendo unhas albóndegas e unhas hamburguesas de peixe, con bacallau e pescada, mesturados con verduriñas. Ás veces tamén con mexillón, e gustan un montón. Os nenos comen peixe e nin se decatan». Para tomar nota.