Arousa e Jorge Otero queren seguir xuntos tras un curso «francamente bo»

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Presidente e técnico recoñecen a falta de gol como a clave de non xogar a promoción.  "Por afección, por historia, este equipo ten que voltar á Segunda B", sostén o exinternacional

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

E os soños, soños son. Cando menos ata dentro dun ano. Para entón, quen sabe, o Arousa podería redondear cun punto e final o cuarto de século desde a súa última participación na fase de ascenso á Segunda División B. Un reto que tanto a directiva que preside Manolo Abalo como Jorge Otero desexan encarar xuntos logo dunha primeira tempada no banquiño da Lomba que o adestrador de Nigrán cualificaba onte de «francamente boa».

Sexto na clasificación final a 3 puntos da promoción, con opcións matemáticas de terse feito co cuarto posto na derradeira xornada de Liga, o Arousa de Jorge Otero pecha un curso «para estar moi satisfeito». Dío o exinternacional coa selección española de fútbol na súa época de curto, e compárteo o primeiro directivo arlequinado cando sostén que o recén rematado foi unha campaña que «calquera asinaría, metidos sempre aí arriba, por estar entre os catro primeiros, que é o que nos faltou. Se a comezos da tempada me din de estar aquí, con opcións ata a derradeira xornada, diría onde tiña que asinar», afirman.

Charlando con ambos por separado, a descrición e a diagnose da Liga do Arousa de Manolo Abalo e de Jorge Otero son un calco. «É para estar moi satisfeito. Polo traballo e polo comportamento do grupo. Quédame ese sabor agridoce de estar aí e non acadar o cuarto posto. Pero isto é fútbol, e tennos que servir para aprender», sinala o adestrador. «Xogamos en xeral moi ben ao fútbol», engade, «estivemos moi ben nese sentido; inda con moitos xogadores novos, o equipo adaptouse moi rápido á idea de como xogar para que nos fora ben». Na mesma liña, o presidente subliña que «a xente gozou do lindo na Lomba. Fumos un dos equipos que mellor fútbol fixo na Liga».

Sendo así, que é o que fallou. «Se nós tiveramos contado cun dianteiro de 15 goles estariamos metidos na promoción. Ao mellor fallamos aí». O presidente do Arousa non ten reparo en confesar o gran burato polo que se perderon eses cando menos 3 puntos que o terían situado hoxe cuarto na clasificación final. Con Sylla pichichi con tan só 10 tantos, e co capitán e central Rivas segundo na táboa de goleadores do Arousa con 6. «O equipo estivo defensivamente ben. Faltounos en determinadas ocasións gol. Tivemos ocasións, e moitas chegadas, pero non fortuna neses últimos metros», reflexiona Jorge Otero. «E iso determina estar ou non estar arriba», conclúe.

 

Acordo prenegociador

Ante tal grao de compatibilidade, non resulta estraño que ambas partes estean polo labor de continuar unidas. «Nós queremos que siga. Penso que non vai haber problema ningún», conta Manolo Abalo, «estamos moi próximos. Xa falamos, e se non lle aparece ningún Segunda B, e non calquera, seguirá». «Eu estou moi contento. Moi a gusto», comenta desde a outra parte o técnico, que a día de onte non manexaba alternativas ao Arousa.

«Por afición, por historia, este equipo ten que voltar á 2ª.B», sostén o exinternacional

«Agora temos que darnos unha semana, dez días, para limpar un pouco a mente. A vindeira semana, ou á seguinte a máis tardar sentarémonos a tratar de chegarmos a un acordo» explicaba onte Jorge Otero. Claro que escoitando tanto o presidente do Arousa coma a el, resultaría unha sorpresa monumental non voltar ver o ex xogador internacional á fronte do banquiño arlequinado.

«Cando comecei no equipo a principios de tempada a idea era estar o máis arriba posible, e consolidar un proxecto en tres anos». A idea segue na cabeza de Otero: «Os que tivemos a sorte de vivir o fútbol ao máis alto nivel sabemos ben que Vilagarcía vive o fútbol, cun pobo que quere ver o seu equipo o máis arriba posible. Por afición, por historia, o Arousa ten que estar en Segunda B».

Co punto de mira enfocado, o hipotético segundo curso do de Nigrán no vestiario da Lomba requeriría os trocos xustos no plantel. «Para montar un equipo competitivo e estar o máis arriba posible non creo que faga falta cambiar moito; tres, catro ou cinco futbolistas», defende. Iso si, en paralelo, pide Otero, «o club tamén ten que dar un paso á fronte, medrar na súa estrutura».

 

A este ritmo, para o ano toca

Tamén aquí a sintonía entre adestrador e presidente é total. «Penso que o plantel está practicamente feito; fáltanlle uns retoques», declara Manolo Abalo. «Nestes últimos anos fumos medrando pouquiño a pouco, cos pés en firme». E «se seguimos medrando na mesma porcentaxe que viñemos facendo nestes anos, para o vindeiro metémonos na promoción», aventura o presidente.