As historias que fan cidade

Camilo Franco DELEGADO EN AROUSA ENTRE 1997 E 2003

VILAGARCÍA DE AROUSA

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais as cidades teñan unha vantaxe. Nunca acaban de definirse. Para as normas urbanísticas é malo, para a literatura é estupendo. Vilagarcía nunca acaba de definirse. Ten un horizonte con interrogacións que se volven cirros, cúmulos e estratos.

Vilagarcía ten mala fama e boa prensa. Que é un binomio curioso e paradoxal, como o de ter historia e potencialidade. Binomios da postmodernidade que deixan demasiadas portas abertas nos debates municipais. Vilagarcía é unha cidade que non fai moitos distingos entre os barrios e o centro, do mesmo xeito que é a capital dunha comarca que non acaba de recoñecela como tal, quizais por tampouco se recoñecer a si mesma.

Horizontes e posibilidades na prensa de cada día

Pero os horizontes difusos, como ben recoñecen todos os programas electorais, deixan abertas moitas posibilidades. E todas esas posibilidades están na prensa de cada día que resiste tan ben nestas páxinas que demostran que, pese á confusión do futuro, hai cousas que non deixan de pasar. Esas cousas que queren dicir que hai vida e que, por veces, é intelixente. Esas historias que son titulares e que fan cidade, comarca e país.