«Nós damos a cara pola xente, pero a xente ten que votarnos»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O novo responsable local pide á cidadanía respaldo electoral para seguir a resolver os seus problemas

24 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou no eido do sindicalismo, na CXTG, e participou na fundación da CIG, en Vigo. Logo de dez anos de militancia, Xermán Torres Canay (Vilagarcía, 1961), mestre de educación infantil no colexio da Escardia, vén de ser elixido responsable local do BNG na capital arousá.

-Comezando polo principio, non semellan estar moi ben as cousas no colexio.

-Temos moitos nenos diagnosticados con problemas serios e a Administración non envía recursos. Por suposto, estamos pola integración dos rapaces, pero para facelo ben é imprescindible ter medios. Se o xefe territorial de Educación di que é un problema de organización do centro, e non por carecer de profesores de apoio, eu convídoo a que veña e nos dea unha clase. Pero non cinco minutos, ¿eh?. Non, un día enteiro, a ver o que fai.

-¿Por que este paso agora?

-A min sempre me gustou traballar, digamos, en segunda fila. Pero por cuestións de saúde as distintas responsables locais tiveron que deixalo, e eu era quen estaba a carón delas. Os militantes consideraron que podía ser unha boa alternativa.

-¿E o seu equipo?

-Adrián Alcalde é o vicerresponsable, vén de Galiza Nova e ten unha formación política importante. O equipo formámolo 18 persoas e a miña idea é distribuír responsabilidades en función de áreas e especialidades.

-¿Que papel ten neste esquema o grupo municipal?

-Fundamental. O consello local é unha peza de transmisión entre a organización e o grupo municipal. Son a nosa voz no Concello. Con eles debatemos todos os temas e tomamos as decisións.

-O PP non deixa de acusalos de formar unha sorte de goberno encuberto co grupo socialista.

-Hai quen aínda non ten claro cal foi o resultado das últimas eleccións municipais. É certo que en aspectos sociais podemos coincidir co PSOE; noutros, en absoluto. Pero estamos cómodos no diálogo. E se existe a posibilidade de solucionar problemas á xente, unhas veces cedendo nós, outras veces cedendo eles, sería unha irresponsabilidade non facelo. A política é iso.

-Por certo, ¿preocúpalle a creación dunha Marea en Vilagarcía?

-A min o que me preocupa é que compañeiros e excompañeiros entren a saco nas redes sociais uns contra os outros. Non entro niso. Son conciliador.

-¿E a nivel electoral?

-De novo é outra cousa a que me preocupa. A xente vén a nós cando ten un problema, e nós sempre damos a cara pola xente, pero á hora de votar non se dá o paso cara o BNG. Nós necesitamos que a xente nos dea ferramentas para loitar por ela, e esas ferramentas son os votos e a representación institucional.