Un case infalible Sárdoma ergue a Copa Deputación ante o Ana Vidal

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O cadro vigués goleou 1-5 en Burgáns o Atlético Arousana tras unha igualada primeira metade

21 jun 2017 . Actualizado a las 13:56 h.

Mesmos dous equipos finalistas, pero un desenlace e un marcador diametralmente diferentes aos que hai dous anos, no 2015, lle deran a primeira edición da Copa Deputación Feminina ao Atlético Arousana sobre o céspede ribadumiense da Senra. Onte, no sintético cambadés de Burgáns, o Ana Vidal víuse superado por un Sárdoma decidido a igualar o palmarés de ambos conxuntos no torneo provincial. E fíxoo coa contundencia dun 1-5 final, facendo bos os prognósticos que situaban o cadro vigués, sétimo na clasificación da pasada Liga de Segunda División, coma favorito ante un cadro vilagarcián que a finais de abril perdía a súa praza na categoría de prata do balompé feminino español como penúltimo clasificado do Grupo 1, e desta volta a segunda das súas tres finais da Copa Deputación.

Nun minuto, do 15 ao 16, o Sárdoma pasou de laiarse por un gol anulado por fóra de xogo a celebrar o primeiro dos dous tantos cos que Tania poñía o 0-2 no minuto 33. Cun cabezazo a centro de banda esquerda o primeiro tanto, e aproveitando un barullo na área vilagarciá no segundo para rematar o coiro ao longueiro, acabando este no interior das mallas da portería defendida por Rocío.

Mais Laura facía xustiza ao partido de ti a ti que durante a primeira parte foi quen de manter o Ana Vidal ante o Sárdoma. Nunha fermosa xogada persoal na que recollía o balón en tres cuartos de campo, regateaba a dúas rivais, e acomodaba o balón á dereita para anotar un golazo desde fóra da área.

Pero tras o descanso o Arousana atopouse cun auténtico pesadelo de nome Joana. A xogadora do Sárdoma poñía costa arriba a final para as vilagarciás ao asinar o 1-3 no minuto 55. Despois, o maior poderío físico foi xogando en favor das viguesas a medida que transcorrían os minutos, e no 80 e no 84 Joana completaría o seu hat-trick ante os arredor de 300 afeccionados presentes en Burgáns.