«O erro é un instrumento importante para chegar a certos sitios»

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A súa mostra na sala Antón Rivas Briones entra na súa recta final

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A terceira ocupación de Uxío López na sala Antón Rivas Briones entra na súa recta final. Unha incursión na que se perciben «boas sensacións».

-¿Que mudou entre o 2000, o 2010 e este 2017?

-A primeira foi practicamente enteira en soporte de aluminio, eran os «Reflexos da superficie plana». Na segunda, «Barullo branco», predominaba o soporte de tea. Agora temos aquí cinco soportes diferentes, de aí o título da exposición. Vidro, tea e tres tipos de papel, estraza, arroz e un clásico, de bloc de debuxo.

-Chaman a atención as montaxes de varias obras, que funcionan colectivamente, pero tamén de xeito individual.

-Concibinas de xeito separado, pero o panel composite que empreguei permitiume xuntalas e modelar as composicións en orientacións diferentes. Están dispostas horizontalmente, pero poderían funcionar en vertical.

-Todo pode mudar.

-Sucédeme algo curioso. Se pinto unha serie, ao revisala logo dun tempo decátome de que me resultaría moi difícil repetila. Como se me tivese que copiar a min mesmo. Por iso me gusta tanto o expresionismo abstracto, esa vinculación do artista co momento da creación. Un momento irrepetible. Estender a tea no chan e actúo sobre ela, rodéoa e en certos momentos, cando atopo un fío, prosigo ata ver onde me leva. Ás veces pregúntanme se o entorno inflúe no que fago. ¿E como non? Outra cousa é ser plenamente consciente. Ás veces si hai unha maior premeditación. De aí o meirande peso da figuración.

-Sempre se fala do azar.

-Eu traballo con azares ata que xorde ese camiño. O erro é un instrumento importante para chegar a certos sitios.

-A Carril, por exemplo, esas paisaxes son moi recoñecibles.

-Teñen unha atmosfera limpa e un efecto das rochas acertado, con moita intención plástica. No fondo, ao cabo do tempo, aprendes a pintar un pouco, ¿non? [Risos].