O Cortegada arrincará a Liga en Azkoitia e remataráa en León

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

As de Rubén Domínguez xogaránse o último mes de campionato fronte aos seus tres rivais galegos e o vixente campión

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Federación Española de Baloncesto fixo públicas onte a confección de grupos da Liga Feminina 2, e os seus dous calendarios de competición. Co Kemegal Cortegada e cos outros tres conxuntos galegos da categoría, o Ensino, Celta e Arxil, compartindo de novo a fase regular co vixente campión, o Patatas Hijolusa de León, e cos equipos asturianos, vascos e cataláns da categoría de prata española. Con dúas únicas novidades que veñen cubrir o ascenso do Snatt’s Feminí Sant Adriá e a caída á categoría autonómica do Ponce Valladolid. A de todo un Barça CBS, denominación competitiva do primeiro plantel do C.B. Santfeliuenc, e a do Ascensores Tresa-Basket Mar Gijón. O Universidad de Oviedo manténse na LF2 pese a ter perdido a praza na cancha a pasada campaña coma penúltimo clasificado.

En Azkoitia arrincará o Kemegal Cortegada a LF2 2017/18, o 30 de setembro. Sete días despois, o 7 de outubro, o Lima-Horta Barcelona será o primeiro conxunto que visite o parqué de Fontecarmoa a nova tempada. A partir de aí, un encontro por semana ata o 16 de decembro, no que se procederá a un parón entre a penúltima xornada e a xornada de clausura da primeira volta, que se xogará o Día de Reis co Patatas Hijolusa en Vilagarcía.

De feito, sobre o papel o Kemegal terá un complicado final de primeira volta e, polo tanto, tamén de Liga. E é que xusto antes de medirse ao vixente campión do Grupo A, deberá enlazar os seus tres derbis galegos. Co Celta (2 de decembro en Vigo, e 17 de marzo), co Ensino (9 de decembro en Fontecarmoa, e 24 de marzo) e o Arxil (16 de decembro en Pontevedra, e 7 de abril).