Vilagarcía abre a inscrición para que 60 nenos participen na Cabalgata de Reis

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Os aspirantes a paxes deben ter entre sete e quince anos e o prazo para a súa anotación rematará o día 19. O único requisito é vestir e calzar de cor negra

10 dic 2023 . Actualizado a las 19:27 h.

Os pícaros que o 5 de xaneiro desexen acompañar aos Reis Magos na súa tradicional cabalgata polas rúas de Vilagarcía xa poden inscribirse para facelo. O prazo ábrese este luns e ficará aberto ata o día 19, ou sexa, o martes da semana seguinte. A participación nesta iniciativa é completamente gratuíta. Iso si, o número de prazas é limitado. Serán sesenta as nenas e nenos que poidan desfilar sobre as carrozas, e as súas idades deben estar comprendidas entre os sete e os quince anos.

Máis aló destes dous puntos, o único requisito que a concellería de Cultura pon sobre a mesa é que os rapaces vaian vestidos con mallas, xerseis e calzado integramente negros. O resto da vestimenta de paxes reais —a casaca e o tocado— será proporcionado polo departamento municipal que dirixe Sonia Outón. A idea, que xa se puxera en práctica o ano pasado, é que a participación sexa máis doada e que o espectáculo ofreza unha imaxe homoxénea e máis coidada.

As carrozas máis cobizadas

Das sesenta prazas, 24 serán reservadas aos nenos e nenas de menor idade (aqueles que teñan entre sete e nove anos), que serán, precisamente, os que se acomoden las carrozas nas que han viaxar Melchor, Gaspar e Baltasar. Os 36 paxes restantes, os que teñan entre dez e quince anos, distribuiranse nos vehículos que transportarán os agasallos.

Todos os interesados en formar parte da multitudinaria Cabalgata de Reis teñen que se anotar no prazo mencionado. Para facelo teñen ao seu dispor a sé electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal) o, en formato físico, o rexistro xeral. De ser este o caso, o seu horario abrangue das oito e media da mañá ás dúas e media da tarde, de luns a venres. O formulario poderá obterse na propia sé electrónica ou no taboleiro de anuncios da web municipal: http://www.vilagarcia.gal.

Os postos de paxe, subliña Ravella, serán adxudicados por rigorosa orde de inscrición. A partir de aí, a listaxe de nenas e nenos admitidos será publicado na sé electrónica, na web municipal e no taboleiro físico das dependencias de Cultura, a partir do 22 de decembro. En caso de se producir vacantes, estas cubriranse, tamén por orde, de acordo coa lista de agarda.

Non serán estes os únicos acompañantes dos que gocen os Reis Magos na súa visita anual á capital arousá. Ademais dos paxes, tamén os centurións da garda real e as delegacións dos colexios e asociacións que participan no evento desfilarán xunta as súas maxestades de Oriente, ben a pe ou a bordo do tren turístico, que se suma á festa.

Aínda que a súa raizame apunta a certos eventos que se puñan en escena na Idade Media, as cabalgatas reais cobraron a súa forma contemporánea en España ao longo do século XIX para popularizarse na centuria seguinte.