Julio Torrado: «O mellor da xestión do Partido Popular na Xunta é que xa remata»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O político arousán, número 4 do PSdeG-PSOE por Pontevedra, subliña a idea de que a esquerda só gobernou Galicia «cando os socialistas lideraron ese cambio»

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Doutor en Psicoloxía Social, o socialista Julio Torrado Quintela (Vilagarcía, 1982) afronta os seus terceiros comicios autonómicos en postos de salida da candidatura do PSdeG-PSOE por Pontevedra.

—Oito anos no Parlamento breando en cuestións como a sanidade e o marisqueo non semellan unha minucia.

—Non. Sobre todo a sanidade, porque fun voceiro e, obviamente, é un tema moi preocupante. As dúas mobilizacións masivas que se deron esta campaña viñeron motivadas pola situación do mar, especialmente o marisqueo, e a situación sanitaria.

—O PP acúsaos de electoralismo.

—É curioso, porque unha estaba convocada por SOS Sanidade dende antes de que o señor Rueda convocase as eleccións. E no caso do mar existía un movemento de confrarías e mariscadoras que non estaba sendo atendido, sumado á crise dos pélets, na que o PP foi reprendido polas súas mentiras. A manifestación foi convocada polo sector, non por ningunha organización política. Sorpréndeme que candidatos do PP en cargos directivos en cuestións de mar acusen aos demais de electoralismo cando eles mesmos participan en actos do seu partido.

—Raúl Santamaría non respondeu á súa proposta de debate.

—É unha proposta que xa lle fixemos no seu momento a Marta Rodríguez e a Elena Suárez. O PP agóchase. Sempre é a mesma resposta. Nos casos anteriores alegaron problemas de axenda. Tendo en conta que Raúl Santamaría é concelleiro en Vilagarcía e non foi a ningún pleno, dá a sensación de que non ten axenda ningunha para facer política.

—Non será difícil que cite algo negativo da xestión do PP na Xunta nos últimos catro anos.

—O aumento das listas de espera en sanidade, que é froito de políticas de recortes e pouca vontade de resolver. É un elemento central, o máis grave que detecto. Temos fantásticos profesionais, e a cidadanía valora moi ben iso, pero moi mal ter que peregrinar polo sistema dando voltas.

—Algo positivo ou mellor habería.

—Que xa remata.

—Cónteme, entón, algo bo da oposición que exerceu o PSdeG.

—Fixemos unha oposición moi sensata argumentalmente. É certo que iso, moitas veces, non se premia na política actual, na que prima a comunicación rápida e fácil. Pero creo que temos proxecto e propostas que co tempo se demostra que son boas. As primeiras matrículas gratuítas na universidade, por exemplo, que foi xa no programa do 2016 e Gómez Besteiro, sendo presidente da Deputación, implantou para o campus de Lugo.

—E algo negativo?

—Creo que non fomos quen de aproveitar ben o momento comunicativo. Traballamos bastante máis do que contamos, e iso, en termos políticos, hoxe é un erro, porque precisas trasladar ese traballo á cidadanía. E a vida política galega está moi silenciada.

—Silenciada?

—Póñolle un exemplo. Se mañá no Congreso a súa presidenta, que é socialista, invalida unha votación porque ve que o PSOE a vai perder e agarda que cheguen todos os seus deputados para volver votar e gañala, sería un escándalo, cousa que me parece normal. Iso sucedeu no Parlamento de Galicia. Como se nada.

—As enquisas sitúan ao BNG por riba súa. Estaría cómodo nunha coalición que invertese os termos do bipartito do 2005?

—As enquisas tamén deron presidente do Goberno de España a Feijoo, que xa repartía cargos e ministerios en Madrid, e acabou repartindo caixas de froita. Lembro cando iamos sufrir o sorpaso de Podemos e que Rivera ía ser presidente. En Galicia só gobernou a esquerda cando ese cambio o liderou o PSOE. Nós somos xente sensata, que sabe gobernar, cun candidato, Besteiro, que soubo estar no problema de Alcoa, e xestionar a alta tensión para Stellantis, e agora o compromiso da gratuidade da AP-9. Outros poden prometelas, nós facémolas.

—Non debería haber un espazo común no que dialogar?

—O discurso da falta de diálogo é un pouco tramposo. Eu non voto a Sumar, PNV ou BNG, pero podo chegar a acordos con eles. Claro que hai tensión, pero, en realidade, o problema está no PP, que non pode falar con ninguén máis aló de Vox. Son moi aznaristas nisto. Se me fas falta, falo catalán na intimidade. Se non, «Puyol enano, habla castellano».

—Foi algunha vez en bus ao Grove?

—Varias. Para ir xogar o xadrez cando non conducía, encantado de poder facelo no Grove. Pero para ir, eh? A volta era imposible.

Tres medidas inmediatas

  • Sanidade. Unha cita en Atención Primaria en 48 horas. En clave comarcal, que os centros de saúde de Meis e Vilagarcía se inicien xa e, sobre todo, que teñan persoal.
  • Vivenda. Impulsar un plan de vivenda pública no que O Salnés teña presenza e esteamos incluídos no seu primeiro ano.
  • Infraestruturas. Que a gratuidade da AP-9 se concrete á meirande brevidade.