O Concello de Ribeira programa once ofertas de ocio alternativo

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

Oleiros dá cabida hoxe a unha actividade de multiaventura As áreas de Xuventude e Deportes, con As Miñoteiras, propoñen varias rutas en bicicleta e piragua, barranquismo e sendeirismo

13 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?s concellerías de Xuventude e Deportes de Ribeira, xunto coa asociación As Miñoteiras, desenvolverán ata o mes de xuño unha serie de actividades dentro do programa En Marcha, no que se lle suxiren á cidadanía unha ducia de propostas de ocio alternativo, algunhas de carácter gratuíto e outras cun prezo simbólico. A primeira delas xa se desenvolveu hai uns días e consistiu nunha ruta de sendeirismo por San Ramón de Bealo, e na que se incluíu un paseo polas marxes dos ríos Beluso e Brea, ata chegar aos castros de Neixón e ao Centro Arqueolóxico do Barbanza, onde fixeron sendas paradas para visitar estes dous espazos do patrimonio cultural da bisbarra. Hoxe desenvolverase unha actividade de multiaventura dirixidas a rapaces de 12 a 17 anos nas inmediacións do cámping Ría de Arosa II, en Oleiros. Os participantes poderán montar en quad e bicicleta de montaña e demostrar as súas habilitades en tiro con arco e orientación. Mañá terá lugar unha ruta en bicicleta de montaña ata Tahume, con saída e regreso en Coroso. Combinada O programa tamén permitirá desenvolver unha proba combinada de sendeirismo e iniciación á espeleoloxía. Esta desenvolverase o día 22 en Boqueixón. Unha semana despois haberá un itinerario en piragua para menores de 17 anos, no que descenderase o río Ulla desde o embarcadoiro de Pontecesures ata as torres vikingas de Catoira. Nas proposta para o mes de maio preséntase novamente unha ruta en piragua para o día 5, pero esta vez pola ría de Arousa desde Coroso. Nestes momentos falta por decidirse o traxecto, pois barállanse as posibilidades de A Pobra, Aguiño ou a Illa de Rúa. Na xornada seguinte haberá unha viaxe á Coruña para quen queira presenciar o partido de fútbol entre o Deportivo e o Valencia. O 17 haberá unha ruta cicloturista por concellos da bisbarra. Tres xornadas despois, no río Xallas haberá unha actividade de barranquismo. En xuño haberá unha ruta nocturna de sendeirismo pola Serra do Barbanza (día 2), e á semana seguinte será o Día da Bici. Falta por decidirse a viaxe que se fará durante un fin de semana a Asturias ou León para desenvolver actividades no medio natural.