«Slow road»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

12 jul 2016 . Actualizado a las 11:52 h.

Permítanme neste artigo facer un xogo de palabras co movemento slow food, que inventou na localidade italiana de Bra o xornalista Carlo Petrini, e que defende o pracer de dedicarlle tempo á gastronomía e vivir para os pequenos praceres sensoriais da vida tranquila. Cousas todas que soan moi ben pero que chocan coa inercia estresante para sacar adiante as familias, cumprir cos deberes profesionais e tentar sacar un pouco de tempo para nós mesmos. Pero aínda podemos facer un: o slow road. Iso é, no Barbanza, andar pola estrada comarcal AC-305.

A experiencia aínda pode ser estupenda para aqueles que teñan menos de 40 anos e, xa que logo, lembren nunha nebulosa infantil as interminables viaxes entre Arousa Norte e Compostela. Miña nai dime que eu sempre me mareaba como un balde, unha estampa ben gráfica para falar de como o corpo verquía líquidos multicores ao chegaren as temidas curvas do alto de Bexo ou as de Escarabote.

Superados aqueles vomitivos momentos infantís, propóñovos algo: en Padrón nada de coller a vía rápida. Saídevos nesa rotonda para Dodro e preparádevos para ir sós por unha excelente estrada. Así ducias de quilómetros. Sós para gozar a arquitectura popular de Rianxo, para intrigarse vendo a casa El Jardín de los Patricios e para escoitar as campás das vellas parroquias do Barbanza.

Fáganse un comodísimo e seguro slow road e abran ben os ollos. De seguro que repetirán máis dunha vez neste verán no que temos o autovía chea de tirios e troianos.