Federacións de usureiros

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

12 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non estou recuperado do impacto que me supuxo decatarme de que hai federacións, como a estatal de piragüismo, que penalizan aos nenos que compiten en representación de España si non acadan os obxectivos, ou que lles cobran os gastos que lles supón formar parte do combinado nacional. A cousa saltou a consecuencia dunha denuncia do boirense Rías Baixas, porque o estamento pretende cobrarlle unhas cantidades que, por enriba, non están moi claras. A consecuencia da oposición dos boirenses, a noticia saltou á opinión pública, e puidemos saber, incluso, que máis dun organismo federativo ata fai pagar aos deportistas a roupa que teñen que levar para acudir ás competicións, o que non deixa de asombrarme aínda máis, sobre todo porque tales esixencias proceden dunhas entidades que hai tempo que figuran no selecto grupo dos niños da corrupción españois, aos que se lles está metendo man timidamente, non vai ser que, ao mellor, o excremento manche a alguén máis que aos que son tan valentes que estouran as ilusións e os esforzos dos máis febles da cadea competitiva: os clubs modestos e as súas canteiras. Ben é certo que os pais non podemos pretender que todos os nosos fillos sexan campións, pero é que, no caso que nos ocupa, non son os proxenitores os que fan as convocatorias para competir en nome dun país senón as federacións, e, polo tanto, deben facerse cargo dos gastos cando estes se producen para defender as cores nacionais. E, como ocorre con case todo, é ás Administracións ás que lles corresponde velar porque non ocorran casos como o que ten en xaque ao Club Náutico de Boiro Piragüismo Rías Baixas, que está na tesitura de, se paga o que lle require a federación, quedar sen un can para desenvolver a súa actividade deportiva ou renunciar a ser seleccionado nos combinados españois como sanción por non satisfacer as cantidades que se lle están requirindo.

Nos últimos tempos estamos a asistir á mellor etapa do deporte a nivel comarcal, e dáse a casualidade de que o principal mérito dos éxitos é o esforzo de modestas entidades que desenvolven un feixe de actividades para recadar fondos cos que formar deportistas que nos fan sentir orgullosos cando os vemos bater marcas, disputar olimpíadas, ascender de categoría ata niveis inimaxinables, competir e ata meterse entre os mellores das distintas actividades ás que lle dedicaron incontables horas de esforzo ao amparo dos clubs dos que forman parte. Xa está ben de matar as ilusións dos rapaces e de desanimar a eses dirixentes que traballan sen pedir nada a cambio. Uns e outros son a base do deporte, e sen eles, non teñen razón de ser nin as propias usureiras federacións.