Un franciscano de Boiro


Os franciscanos establecéronse en Galicia ben pronto, arredor de 1215 e a súa presenza na bisbarra do Barbanza foi grande, con conventos en Noia, A Pobra do Caramiñal, pero ademais o convento de Herbón (Padrón) queda cerca da nosa comarca e nel profesaron varios relixiosos da contorna, mentres que outros tomaron o hábito de Francisco de Asís, en Compostela. Entre estes últimos estaba Andrés Sieira Balseiros, nacido en Abanqueiro en 1769, que profesou en 1784 e, tras recibir as ordes sacerdotais, estudou en Alba de Tormes dende 1793. Xa no ano 1797 logrou por oposición a Lectoralía de Artes n’A Coruña, pasando logo a Herbón, onde foi superior entre 1809 e 1813 e entre 1817 e 1820. Coa Desamortización pasou ao clero secular, e en 1835 aínda vivía na súa parroquia natal. O padre Manuel de Castro, na súa obra Escritores de la provincia franciscana de Santiago. Siglos XIII-XIX (1996) dá noticia dun Memorial de frei Andrés Sieira sobre a doutrina da Madre María Jesús de Agreda, que foi publicado en Compostela en 1843 polo franciscano frei José Mera na obra Breve preventiva sobre lectura de libros. Os arquivos franciscanos conservan tamén algunhas cartas que o padre Sieira dirixiu en 1820 a José Baltar, alcalde de Padrón. Tivo un irmán que foi tamén franciscano, Gabriel Sieira (1770-1849), predicador famoso no seu tempo, quen deixou manuscrita a obra El misionero en el púlpito, escrita en 1809.

Votación
0 votos
Comentarios