Un paxaro chamado avión

Moita xente confunde esta ave coa andoriña e co cirrio común


Nas miñas frecuentes viaxes por Galicia, ás veces paro nunha pequena aldea entre A Coruña e Santiago de Compostela, onde serven un café de pota moi diferente aos que atopo na cidade. Teño querenza por este local, porque foi onde me convertín nun ornitólogo afeccionado.

Recordo entrar a primeira vez e sentar, esperando a que me preguntasen que quería para almorzar. Como non veu ninguén, achegueime á barra e vin a dona do local, sentada e mirando con preocupación algo que tiña nas mans. «Bos días». «Serán para ti, porque este pobriño non parece ter un bo día». Como son biólogo, ofrecinme a miralo, e vin una pequena cría que caeu do niño que había preto da porta do café. Pedinlle unha escaleira de man, e aproveitei un momento que os pais do pequeno non estaban para deixalo de novo na súa «casiña» de lama.

O paxaro en cuestión era un avión ou andoriña de cu branco (Delichon urbicum), que moita xente confunde coa andoriña (Hirundo rustica, en castelán, «golondrina») e co cirrio común (Apus apus, que en Castela chaman «vencejo»). Todos eles crían en case toda Eurasia (agás os trópicos e zonas polares), pero durante o inverno os cirrios comúns migran ao centro e sur de África; os avións tamén chegan ao sueste asiático; e finalmente, a andoriña atopámola tamén nas Américas, e mesmo no norte de Australia.

O máis pequeno

Pero, como sabía eu que o paxaro do café era un avión? Moi sinxelo: é o máis pequeno dos tres (unha envergadura de 26-29 centímetros, pouco máis da metade do cirro común), e todas as plumas da parte inferior do corpo son brancas (podemos darnos conta véndoos no niño, ou mesmo en pleno voo). O curioso é que a cafetería era o único edificio da zona que só tiña un niño destas aves, porque moitas veces forman varios xuntos, creando unha pequena colonia.

Os avións tiveron sorte de non atoparse cos seus rivais, os gorrións ou pardais (Passer domesticus), que soen aproveitarse do seu traballo para conseguir un niño de balde. O proceso é o seguinte: un avión comeza a acumular lama nun lugar seco, baixo un saínte dun edificio; aproveitando un momento que o traballador foi por máis material, chega o gorrión, de menos envergadura pero máis robusto e pesado, e queda co niño para el só. Por contra, se o avión ten sorte e pode rematar o traballo, a entrada que queda enriba é demasiado pequena para que entre unha ave tan grosa.

Desconfianza humana

Ás veces, os humanos vemos con desconfianza certos animais e só nos fixamos no negativo, e non nas vantaxes que teñen. É certo que avións, andoriñas e cirrios comúns (como todas as aves) deixan sucio o chan preto dos niños, pero tamén son grandes comedores de insectos, e evitan que haxa pragas, controlando as súas poboacións.

Sobre isto, lembro un artigo que lin hai pouco sobre os gorrións na China: en 1958, Mao Zedong mandou exterminar estas aves porque disque comían grans de cultivos. Cando se deron conta de que prefiren comer insectos (e que son moi eficientes nesa tarefa), xa era tarde: grandes pragas de insectos acabaron coas colleitas.

Cada ser vivo, cada especie (animal, vexetal, fungo, microbio…), cumpre unha función na natureza. É bo lembrar iso se queres acabar con algunha.

Todas as plumas da parte inferior do corpo do avión son de cor branca FOTo mICHAEL PALMER

 

Votación
9 votos
Etiquetas
Ornitología Avifauna Australia África China A Coruña ciudad Santiago ciudad Barbantia
Comentarios