Doutor, John Ford abúrreme!

X. Ricardo Losada ACASOS

BARBANZA

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca pensei que chegaría a dicir isto. As películas clásicas de acción abúrrenme, parécenme mal feitas e enfocadas a un público naif, sobre todo as de John Ford con John Wayne presente. Dígoo como se estivese diante dun psiquiatra revelándolle síntomas dun trastorno mental grave que, agardo, non sexa irreversible. Daría un ril por volver a gozar películas como Fort Apache, Río Bravo ou Centauros do deserto. Que me pasa, doutor? Como é posible que me guste máis a acción autocrítica de Apocalypse now que a acción pura de Morreron coas botas postas? Hai algunha enfermidade rara que o explique ou estou inaugurando un novo síndrome psiquiátrico, algo así como unha fobia intelectual á felicidade infantil?

Non sei que pensar. E desespérome porque, se puidese escoller un lugar do meu pasado ao que viaxar, sería a unha daquelas sesións continuas do cine da miña nenez. Teño películas na memoria emocional á altura dos mellores amigos ou de moitos familiares. Mogambo, por exemplo. Fixádevos como é a cousa que o único nome impropio que a muller me deixa chamarlle nos momentos íntimos é Ava (por Ava Gardner, a protagonista desa película). Pode que ela escoite Eva, o seu nome, pero, como non son otorrino, nunca llo preguntei. O caso é que hai anos que non vexo esa película, e non penso vela ata que estea curado. Se me decepcionase, non sería o mesmo nunca máis.

Que me pasa, doutor? Porque, para máis, o lóxico sería o contrario. Cando un vai vello tende a pensar que tamén envellece todo o que o rodea, e ve o pasado mellor do que realmente foi, e o presente peor do que realmente é. Así, pola idade que teño, debería deprimirme o cine actual e gozar aínda máis do cine clásico. Por que, entón, me aburre? Non o sei, pero o outro día lin nun poema unha imaxe durísima que me impactou: un adulto que se dirixe en cadeira de rodas cara á súa nenez. Quizais sexa iso, pensei. Agora vexo o cine estomballado e inerte nun cómodo sofá. Nas butacas do cine da miña nenez, vendo as películas de John Wayne, aínda sentado, sempre tiña a sensación de estar, coas mans no cinto, de pé.