Na procura da Atlántida ribeirense: a cidade asolagada de Valverde

As lendas agochan habitualmente o relato mítico mesturado con feitos reais


A ninguén lle sorprenderá que no litoral costeiro das parroquias ribeirenses de Artes e Olveira existe unha marisma próxima ao mar, dentro do actual sistema dunar de Corrubedo, na que se conta que se atopa cuberta polas súas augas a mítica cidade de Valverde. Nisto non hai ningunha achega nova, xa que a lenda é amplamente coñecida, como tamén acontece con outras moitas lagoas en terreos galaicos, como a de Alcaián, en Coristanco, ou a de Antela, na Limia, que asolagou a cidade de Antioquía.

O tema das cidades asolagadas está amplamente representado en Galicia con máis de medio cento de exemplos, en moitos dos cales se repite o nome de Valverde; semella que é resultado dunha pasaxe épica e fantástica arredor de Carlomagno (séculos VIII-IX d.C.) recollida nun dos libros do Códice Calixtino (s. XII d.C.) no que relata a destrución da cidade de Lucerna situada no Valle Verde (Valverde) e que terá gran difusión a partir dese momento.

Hai uns anos, uns compañeiros recolleron información oral dun lugar denominado Prado da Area, emprazado no contorno da marisma do Carregal. Nos traballos de extracción de area apareceron restos arqueolóxicos soterrados a uns tres metros de fondo; tratábase dunha gran construción paralela ao río que, pola súa envergadura, consideraron que se trataba dun peirao ou semellante. A isto hai que engadir outras referencias, como a recuperación de trabes de madeira de carballo e argolas de bronce no medio dos limos e lodos desa zona pantanosa, que irremediablemente nos fai voar a imaxinación.

Lugares desaparecidos

Pero resulta que na documentación histórica existen algúns lugares documentados en época medieval, pertencentes a ambas as dúas parroquias (Olveira e Artes) que desapareceron, e dos que non se volveu ter constancia. Sabido é que a liña de costa ten evolucionado moito, que son espazos moi dinámicos, afectados por procesos tanto regresivos (retroceso do nivel do mar) como transgresivos (subida do nivel do mar), procesos moi complexos que teñen afectado os asentamentos de poboación; sirva como exemplo a vila galaico-romana de Noville en Mugardos que, tras do seu abandono, foi invadida parcialmente polo mar.

Aínda que algo se ten avanzado ao respecto, semella que no Barbanza, e incluso en Galicia, existe un gran baleiro de asentamentos no período comprendido entre o abandono dos castros nos primeiros séculos da Era cristiá ata o rexurdir dos burgos medievais ao longo da segunda metade do século XII en adiante. Semella que existiu unha longa noite de pedra de case mil anos, con tempos moi convulsos (crise do século III, chegada dos suevos e caída do Imperio romano durante o século V, a conquista musulmá no século VIII, as razzias de normandos, vikingos e sarracenos dende mediados do século IX ata ben entrado o século XI) nos que a xente só se achegaba á costa de forma ocasional e esporádica.

Quizais os topónimos, como a praia do Vilar, o Casal Novo ou o rego da Cidade, todos eles dentro do parque natural, nos están a contar algo. E talvez a lenda da Valverde ribeirense ten algo de veracidade histórica, e temos baixo un manto de area a nosa Atlántica particular.

Contorno da marisma de Carregal no parque natural de Corrubedo

Votación
8 votos
Etiquetas
Parque natural de Corrubedo Códice Calixtino Comarca do Barbanza Coristanco Mugardos Ribeira Carballo municipio Barbantia
Comentarios