«Non concibo a vida sen arte, nin a arte como territorio illado da vida»

ENCARNA PEGO

BARBANZA

Desenvolveu un traballo sobre as vivendas ao pé da estrada N-550

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste frío serán, con palabras de compromiso e de denuncia, busco refuxio na arte a carón de Lucía Romaní, quen sente a arte como unha capacidade do ser humano que convida á acción. A humanidade ten na arte unha ferramenta para mellorar o mundo, facelo máis habitable, e non só fermoso.

-Que é para ti a arte?

-A arte é intrínseca á propia vida. Non concibo vida sen arte, nin a arte como territorio illado da vida. A mirada coa que observo o meu arredor, as relacións que establezo entre os diversos campos de problemas, as vivencias que conforman o meu ser… maniféstanse nun pensar coas mans, nun sentir estético, pero tamén político e social. A arte é unha forma de estar no mundo. Un estar presente; e é máis, como mecanismo de transformación social a arte non só é útil senón necesaria.

-Falas da arte sustentable, explícate.

-Na investigación para a tese de doutoramento entrei en contacto coa arquitectura, o paisaxismo e o urbanismo; grupos que estudaban o fenómeno urbano en xeral dende unha construción máis social e sostible do hábitat, partindo dunha lóxica decrecentista fronte o capitalismo. Persoas comprometidas e cunha visión holística que partían de procesos participativos como base das súas accións.

Coñecín colectivos como Basurama e Laboratorio Urbano de Madrid, ou galegos como Ergosfera, Hábitat Social e Arquétipos. Con este último participei nun proxecto sobre a estrada N-550. Investigamos sobre as vivendas illadas, situadas ao pé de estrada. Trasladei o concepto de casa ao de escultura, convertendo esas vivendas en «esculturas públicas» que fixan uns modos de vida que establecen vínculos entre as formas de pensar, de ver o mundo e de proxectalo. Así, pezas «ao natural» (casa con ladrillo á vista), «casa silva/ecosistema no seu clímax» (casa cuberta de vexetación), entre outras fotografías, falan da diversidade de fórmulas da cultura doméstica galega máis alá do feísmo.

Todas estas cuestións achégannos a unha revisión da arquitectura. Porén, tamén dende a arte é necesario un cuestionamento crítico. Nunha das últimas exposicións nas que participei, Neste universo: un rumor simultâneo, en Vila do Conde, presentei unhas casas de madeira que tiñan unas patas longas, inaccesibles. Quería falar da imposibilidade da vivenda, da precariedade actual, pero, ao mesmo tempo, da posibilidade do xogo, como xogan con nós dende o poder.

Penso que a arte, como práctica comportamental transgresora, debe despregar novas pautas de relación coa comunidade, e pode e debe comprometerse socialmente, ser sostible; pero depende dos artistas e do sistema, dun facer interesado ou dun facer común, máis alá do individuo e o ego.

-En que disciplina te atopas máis cómoda, e por que?

-A pintura sempre estivo presente, pero nos últimos anos traballei tamén coa escultura ou o debuxo. O pasado verán realicei un traballo de ilustración científica sobre a fauna e flora do Castelo de Soutomaior para a Deputación de Pontevedra. Eran debuxos realistas, que logo foron tratados de xeito dixital para a súa comercialización. Non é que vaia desaparecer a pintura, pero as impresións dixitais son máis vendibles ca unha obra orixinal.

No 2014 fixen o meu primeiro libro de artista para a exposición De fibra sensitiva, en Ribeira. Comecei a explorar ese universo que une linguaxe plástica e visual, poesía, debuxo, pintura… O seu fundamento é a transdisciplinariedade, na que un libro pode ser un obxecto ou unha escultura, pero tamén unha instalación. Dirixín varios talleres relacionados con esta disciplina en Ribeira e en Boiro, e actualmente levo un grupo no Centro Kurari de Vigo. Este tipo de proxectos pódense levar a espazos educativos como son as aulas.

Diría que en certo modo son unha artista relacional, pois navego entre distintas disciplinas. Para Pierre Bourriaud «a arte é un estado de encontro», unha interacción social. Para min é importante traballar co contexto, cos problemas que atopo, e tamén co outro. Hai unhas semanas, no grupo de traballo do Centro Kurari, ocorréusenos traballar no espazo público de Bouzas, nun edificio no que hai proxectada unha biblioteca dende hai anos. Realizamos unha acción poética de denuncia, xa que leva anos paralizada, cubrindo o valo exterior con follas de enciclopedias vellas.

-Onde atopas a inspiración?

-No día a día. Naquilo que me conmove da sociedade. Ás veces na natureza, na súa beleza, que me atrapa, e outras na cidade. Tamén no social e no estético, ou na transformación da materia, nesa relación de ciencia e arte. É dicir, na vida.

Hai anos formei parte do Seminario Permanente do Espazo Público, en Pontevedra. Unha especie de observatorio onde analizabamos cuestións artísticas que revertían na cidade. Como resultado fixemos unha mostra, Fóra fai frío (2006). Máis tarde participei no proxecto de Arte Pública Kaldarte, en Caldas de Reis, cunha acción individual. Instalei hamacas por todo o centro para que a xente fixese uso delas. Uns preguntaban, algúns tombábanse, os nenos xogaban, algunhas roubáronas… O cidadán era actor imprescindible nesta obra.

ILUSTRACIÓN ABRALDES