Rianxo salda a súa débeda histórica co mestre Arcos Moldes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Na presentación dunha completa biografía expúxose a posibilidade de porlle o nome ao salón de actos do auditorio

06 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Santos e Xosé Comoxo conseguiron saldar, polo menos na súa meirande parte, a débeda histórica que Rianxo tiña contraída co mestre Xosé Arcos Moldes (1863-1945). Os dous asinan unha completa biografía que debulla a traxectoria dun intelectual que deixou na vila unha fonda pegada, tanto polo labor que realizou no eido formativo, como pola loita que liderou en defensa dos dereitos dos mariñeiros. O libro, que conta co patrocinio da Deputación da Coruña, foi presentado a última hora da tarde do sábado, nun concorrido acto ao que se sumou, co rexedor á cabeza, unha delegación procedente de Barro, municipio natal do homenaxeado.

Xosé Comoxo foi o encargado de debullar a historia de Arcos Moldes, facendo fincapé nas súas facetas como ensinante, profesor de música, fundador de sociedades, animador cultural, defensor dos mariñeiros e xornalista. Rematou a súa intervención referíndose á etapa escura da posguerra, na que a figura do mestre, tralo falecemento, foi esquecida polos políticos, pero seguiu moi presente no pobo.

Sumándose a esta viaxe histórica, Xesús Santos quixo ilustrar aos presentes con algúns dos aspectos negativos que tamén rodean a figura de Arcos Moldes. Explicou que había quen lle recriminaba que era unha persoa abandonada no relativo á súa familia: «Mentres o resto de intelectuais da época se preocuparon pola formación dos seus fillos, os del non estudaron unha carreira universitaria». Tamén se referiu ás moitas liortas políticas nas que se involucraba.

Plans en marcha

Aínda que os presentes coincidiron en que, con esta completa biografía, queda recollida e recoñecida a traxectoria de Arcos Moldes, puxeron enriba da mesa propostas para saldar definitivamente a débeda con el. Falouse de bautizar co seu nome o salón de actos do auditorio municipal, iniciativa que foi ben recibida polo rexedor local, Adolfo Muíños, e mesmo se comentou a posibilidade de erixir un monumento na súa honra, como teñen o resto de ilustres rianxeiros.

A presentación da biografía non podía ter mellor broche que o que lle puxeron os alumnos da aula de cultura musical da UNED Sénior de Rianxo, que interpretaron o Himno a Rianxo composto polo propio Arcos Moldes, no que lle pedía aos fillos da vila que espertasen e loitasen para acadar un mellor vivir.

Xesús Santos non podía onte evitar referirse a outro rianxeiro co que, ao seu entender, existe tamén unha conta pendente: Paio Gómez Chariño: «Xa nas cartas que se cruzaban Castelao e Manuel Antonio falaban de erixirlle un monumento».