Praga da pataca

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

14 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos nunha economía cruzada, un termo aínda pouco estudado polas ciencias sociais, e iso ten as súas vantaxes e desvantaxes, sendo beneficiosa para incrementar o abano de produtos dispoñibles no mercado pero perniciosa en canto que se corre o risco de transferencia de elementos danosos, fundamentalmente no eido da saúde. Isto é o caso da preocupante praga guatemalteca da pataca que, aínda focalizada en concellos do norte da provincia coruñesa, pode chegar á calquera curruncho da nosa xeografía (de feito xa dispoño de información nese sentido), polo que a Resolución do 8/3/2017 da Consellería do Medio Rural debería implicar a tódolos concellos galegos, pois este tubérculo é fundamental na nosa alimentación.

Cando era rapaz tiña a encomenda de preparar os xermolos para plantar pero seica agora é máis rendible mercalos doutras procedencias xa que dese xeito obtéñense mellores colleitas polo efecto «terra galega», todo un descubrimento para min. En todo caso podería ser unha boa medida de precaución tendo en conta que en España hai dezasete administracións responsables da vixilancia sanitaria o que non lles dá moita confianza aos labregos, preferindo mercar semente francesa. Outro descubrimento.

Non sei en canto tempo se superará esta situación, pero dunha cousa estou seguro, a partires de agora teremos que acostumarnos a palabras como carbarilo, endosulfan, acrinatrin, fusalone, etc., pero non hai que asustarse nin rabuñarse, convivimos a cotío con moitos outros velenos. Agora ben, a ledicia de Bayer, Aventis, Agrodán e outras marcas están garantidas.