A factoría creativa de Brión cobra vida

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A iniciativa diríxese tanto a escritores de todo o mundo como a pensadores

18 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A mediados do 2012 iniciaba a súa andaina, nunha casa da aldea rianxeira de Brión, unha residencia literaria. A idea dos impulsores, os membros do grupo Axóuxere, era que escritores de todo o mundo viviran unha tempada no inmoble, deixándose inspirar pola tranquilidade do lugar e pola beleza da ría de Arousa. Irene Le Sen, Elías Portela, Nerea Pallares e Cremildo Bahule foron algunhas das plumas que aproveitaron os seus días en Rianxo para incrementar a súa obra. Problemas para o financiamento do ambicioso proxecto provocaron que aquela factoría creativa pechara as súas portas a comezos do 2014. Agora, os seus fundadores decidiron darlle unha segunda oportunidade.

Roberto Abuín, Rafa Xaneiro, Almudena Otero, Juan Gallego, Xosé Manuel Tubío e o resto de membros que integran o grupo Axóuxere decidiron hai tres anos trasladar o seu proxecto literario a Santiago. Confiaban en que o feito de instalarse nunha cidade cun gran movemento cultural fose sinónimo do éxito que non acabaran de lograr en Rianxo. Pero tampouco alí a residencia acabou de callar. Foi entón cando resolveron apostar de novo pola casa con encanto de Brión, situada a poucos metros da praia. Ansían encher o que consideran un baleiro inaceptable: «Démonos conta de que esta iniciativa, aínda sendo algo relativamente doado de levar a cabo, non existe en Barbanza, polo que quixemos tirar para adiante como sexa», explica Roberto Abuín.

Tódolos membros de Axóuxere teñen os seus traballos e as súas fontes de ingresos, entre os que se atopan os que xera o propio grupo, dedicado tanto á edición de libros como ao lanzamento de música e de producións audiovisuais. Aseguran que con esta residencia literaria buscan o ben común: «Consideramos que este proxecto pode resultar moi enriquecedor para a contorna, pois implica posibilidades económicas, sociais, educativas… Cremos que Rianxo, Barbanza, Galicia e España saen gañando».

Unha nova vertente

Neste segundo intento por sacar adiante a factoría creativa, os seus impulsores quixeron engadirlle unha nova vertente. Ademais de propiciar a estadía de escritores, queren atraer a pensadores: «A sociedade na que estamos vai demasiado rápido, todo se realiza a golpe de clic e non se practica o que realmente caracteriza aos seres humanos, o exercicio da análise e da reflexión. Por iso decidimos facilitar unha parada aquí para pensar sobre o presente, sobre cuestións políticas, literarias ou de calquera eido».

O grupo Axóuxere, que conta coa colaboración do Concello de Rianxo, ven de publicar as bases que rexen a convocatoria de dúas residencias, unha para escritores e outra para pensadores, de cara ao vindeiro verán. E, polo que conta Roberto Abuín, a iniciativa está a ter moi boa acollida: «Recibimos unha proposta dunha escritora xudía, con varios libros traducidos ao español; outra dun autor de Quebec (Canadá) e tamén nos chegou unha desde Brasil». Aínda que están abertos a estas e outras opcións, Roberto Abuín e os seus socios non descartan, nun futuro, convidar a algún escritor ou a algún pensador que lles gustaría que atopase en Rianxo a súa fonte de inspiración.

Todos eles regresan a Brión con gañas e con vontade, elementos que consideran suficientes para que a factoría creativa funcione a pleno rendemento. Mesmo teñen en mente recuperar as conversas que no pasado mantiveron coa mancomunidade Arousa Norte co fin de expandir o proxecto a toda a comarca: «Na anterior etapa tiñamos en mente un proxecto de turismo cultural literario que non chegou a cristalizar. Consideramos que hai potencial para levalo adiante, así que quizais o tentemos novamente». Ideas e ilusión non lle faltan a estes emprendedores que queren situar Rianxo no mapa mundial da creatividade.