Faltan ideas, sobran normas

Carlos F. Coto DESDE FÓRA

BARBANZA

22 mar 2017 . Actualizado a las 13:54 h.

Adiferenza do que pasou en Sevilla coa exposición universal de 1992, onde construíron máis aloxamentos dos que necesitaba a cidade, Lisboa tivo a idea de atracar barcos no peirao e destinalos a hospedaxe durante a exposición de 1998, sen necesidade de investimentos que logo serían innecesarios.

O problema xorde cando se programan eventos multitudinarios fóra das cidades galegas: non hai aloxamento para os visitantes, tampouco serían necesarios ao día seguinte. Ou deixamos de organizar concentracións ou buscamos alternativas imaxinativas, efémeras ou reversibles. Hai moitos factores que impiden ter unha rede hoteleira estable e de calidade fóra das cidades galegas, entre os que cabe destacar que non teñan un plan estratéxico para todo o ano. Non podemos importar o modelo mediterráneo nunha terra na que o clima non permite facelo.

Foi implantado nas Rías Baixas, sobre todo no Salnés e na ría de Pontevedra e os resultados son penosos, sobrevive a duras penas cos hoteis pechados medio ano, salarios indignos ou traballos precarios, por non ser sustentable. Podemos aproveitar o patrimonio que temos baleiro para crear infraestruturas distintas, imaxinativas, proxectando instalacións efémeras ou reversibles en salgaduras ou instalacións industriais do século XIX, mediante elementos modulares e desmontables, pero tamén poderían ser fixos, combinados con actividades culturais. Pero batemos coas Administracións e con ríxidas normas legais que non o permiten.

Tamén temos centos de vivendas mariñeiras abandonadas que podían servir de aloxamento temporal, en rede e de modo asociativo e organizado, restauradas con criterios de respecto polo pasado. Pero temos que aparcar o individualismo das persoas e o localismo dos concellos e promulgar o asociacionismo e a comarcalización por un obxectivo común, e reclamar das Administracións as axudas para facelo posible e a excepcionalidade das ríxidas normas que impoñen.

Corresponde ás autoridades comprometer aos veciños na procura de alternativas viables. Habelas, hainas, arquitectos con gañas de investigalas tamén os hai, e bos. Barcos, tamén.