O museo de Artes énchese de emocións

La Voz

BARBANZA

Na sala 2 inaugurouse unha exposición de Guayasamín

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tristeza, melancolía, tenrura, resignación e inocencia son algunhas das moitas emocións que emanan das obras penduradas das paredes da sala 2 do Museo do Gravado de Artes. Brotan de vinte litografías pertencentes a fondos propios, unha mínima parte da cifra total de obras asinadas por Oswaldo Guayasamín que atesoura o centro artístico ribeirense. A calidade dos traballos deste creador ecuatoriano, considerado o Picasso latino, foi destacada onte, nun acto que contou con máis participación da habitual. No edificio coincidiron un grupo de estudantes do instituto Leliadoura, oito rexedores barbanceses e dúas representantes da Deputación coruñesa: Goretti Sanmartín e Ánxela Pouso.

Paola Sperberg abriu, a ritmo de ópera, o encontro, para cederlle despois o protagonismo á vicepresidenta do ente provincial, que puxo de relevo a localización do museo, destacando a importancia de que instalacións cuns fondos tan impresionantes estean nun lugar afastado do que se presupón é o centro da cultura, en clara referencia ás principais cidades galegas. Despois de enxalzar a obra de Guayasamín, Sanmartín lanzoulle unha proposta á fundación encargada da xestión do museo, sinalando que sería ideal que algunha colección percorrera a provincia.

Apertura da sala

O presidente da fundación e alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, aproveitou a presenza dun grupo de estudantes para facer fincapé no esforzo que se está a facer co fin de achegar a cultura en xeral e os fondos do museo en particular aos veciños.

Ese foi precisamente un dos retos que se marcou á súa chegada o novo director do museo de Artes, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, que onte, despois de que a crítica Fátima Otero mergullara aos presentes na vida e na obra de Guayasamín, fixo de guía nunha visita polas instalacións, con parada obrigada na outra exposición que hai, procedente da cidade portuguesa da Guarda.

A colección de estampas que se inaugurou onte baixo o título Emocións permanecerá a disposición do público ata o 30 de abril.