Xosé Manuel Beiras participará en Noia nunha homenaxe da Marea a Antón Avilés

La Voz

BARBANZA

Intervirá nun coloquio con Pilar Sampedro, Ismael Ramos e David Pérez

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • Casa de cultura de Noia • 20.30 horas • Sábado • Casa consistorial de Noia • 11.00 horas • Hoxe cúmprense 25 anos do pasamento de Antón Avilés de Taramancos e, para conmemorar esa efeméride, a Marea Cidadá de Noia organizou unha serie de actividades que trasladou ao venres e ao sábado co fin de que poidan sumarse máis persoas. Para o primeiro días están fixadas dúas propostas: a proxección do documental O regreso permanente, realizado por Luís Avilés coincidindo co ano en que lle foi dedicado o Día das Letras ao poeta de Noia, e unha conversa na que está previsto que participen Pilar Sampedro, Ismael Ramos, David Pérez e Xosé Manuel Beiras.

As propostas continuarán o sábado cun roteiro por lugares vinculados ao autor, que incluirá paradas na aldea de Taramancos e no cemiterio, onde se realizará unha ofrenda floral; e culminarán cun xantar de confraternidade no bar da praia de Testal. Os interesados en sumarse a esta comida teñen que cubrir o formulario que atoparán na páxina web www.mareadenoia.com.