Noia mantén viva a memoria de Avilés

La Voz

BARBANZA

carmela queijeiro

O Concello quere recuperar os faladoiros promovidos no pasado polo poeta para planificar as propostas culturais

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitos os negocios de Noia que, ao longo desta semana, colocaron nun lugar privilexiado dos seus escaparates libros e poemas asinados por Antón Avilés de Taramancos. Quixeron renderlle así homenaxe ao que foi un dos grandes escritores e intelectuais do municipio, pero que tamén deixou unha fonda pegada en outros moitos eidos, pois impulsou equipamentos coma o conservatorio, a escola obradoiro que restaurou boa parte das laudas gremiais que están en Santa María A Nova e mesmo o coliseo Noela, que na súa época como concelleiro de Cultura estaba a piques de ser vendido para a súa conversión nun edificio.

Tamén onte, día no que se cumprían 25 anos do pasamento do poeta, o executivo noiés quixo renderlle a súa homenaxe, que arrancou no cemiterio de San Pedro de Boa, onde foi enterrado. Sobre a súa tumba depositaron un ramo de flores o rexedor local, Santiago Freire, e a viúva de Avilés, Sofía Baquero. A escena completouse coa entrada en acción de Isabel Veiras e de Pili Sampedro, que lle puxeron voz a dúas composicións poéticas.

A delegación, da que tamén formaba parte o concelleiro de Cultura, José Pérez, desprazouse logo ao local social de Boa para depositar 16 exemplares da biografía de Antón Avilés e outros tantos da antoloxía poética realizada por Xosé María Álvarez Cáccamo. «Queremos que os veciños teñan acceso a este material», sinalou o edil.

Participación cidadá

En Avilés de Taramancos e nos faladoiros que tanto lle gustaba organizar inspirouse o concelleiro de Cultura noiés para levar adiante unha iniciativa que pasa por crear un foro no que os veciños terán ocasión de amosar a súa opinión, fundamentalmente no que á organización de actividades se refire. José Pérez sinalou que se leva varios meses traballando no tema: «Queremos que de cara ao vindeiro ano, os anos do 850 aniversario de Noia sexan acordados cos veciños».