O axente 007 entregou a placa

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O ribeirense prestou servizo no corpo municipal ao longo das catro últimas décadas

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocupar un posto ao longo de case catro décadas é seguro sinónimo dun bo número de anécdotas e, se o traballo desempeñado é o de policía local, a cifra probablemente se vexa incrementada. Cando unha coincidencia fai que dito axente sexa coñecido como 007, debido aos díxitos da súa placa, o caixón de divertidas vivencias seguro que se ve desbordado. O ribeirense Juan Manuel Fernández Calo cumpre tódolos requisitos anteriores e, por iso, é imposible manter unha conversa con el sen que as gargalladas afloren cada pouco tempo.

Empeza, como non pode ser doutro xeito, botando a vista ao pasado, aos seus primeiros días de uniforme, unha prenda de vestir que pasou a ser indispensable para el por casualidade, despois de varios indesexables encontros coa Policía Local por incumprir a normativa de tráfico: «Andaba nunha Vespa sen ter carné e paráronme varias veces. Na última dixéronme que o mellor que podía facer era ser policía, así tería moto». Calo optou por facer caso da recomendación e, aínda que deixara o instituto debido ás malas notas, animouse a estudar os apuntes que lle pasaran os axentes veteranos. Cando chegou o momento decisivo, tivo máis fortuna da que atopan os que se encontran a día de hoxe na súa mesma situación: «Había catro vacantes e presentámonos catro aspirantes, así que entramos todos».

A primeira etapa como axente local foi moito máis doada do que el podía imaxinar: «As miñas principias misións eran vixiar que os coches non estiveran enriba das beirarrúas e regular o tráfico. Tendo en conta que había moi poucos vehículos, pois estamos a falar de finais da década dos setenta, non era un traballado complicado».

Daquela, os policías non contaban cos medios tecnolóxicos que teñen a día de hoxe. O ribeirense lembra a época na que se comunicaba cos seus compañeiros mediante walkies e tamén a introdución dos códigos para describir as matrículas: charli, papá, óscar, delta… palabras que a algúns lle custou asimilar ao principio: «Algúns, sobre todo os maiores, tardaron en familiarizarse con estes termos e ás veces ten habido algún malentendido».

Atrancos coa tecnoloxía

Co paso do tempo, a incorporación das novas tecnoloxías foi un óso duro de roer para Juan Manuel Fernández: «Eu facíao todo cunha máquina de escribir Olivetti, nunca fun capaz de manexar o ordenador ao cen por cento e iso que acudín a cursos». Tamén o teléfono móbil, con tódalas posibilidades que ofrece, se converteu nun labirinto para Calo: «Non hai moito, o alcalde pediume que lle enviara unha fotografía dun muro por wasap e eu pregunteille que era iso. Aínda agora non o teño».

En contra do que moitos cren no relativo ás multas como fonte de ingresos dun Concello, Calo asegura que nunca foi consciente da existencia dunha consigna neste sentido, nin sequera en períodos concretos: «A min caducábame o talonario». Tamén é certo que pasou moitos anos traballando pola noite: «Non saiamos do xulgado, sobre todo cando foi do auxe da movida, pero non había as pelexas e as delincuencias de hoxe. O risco desta profesión foi en aumento».

El, pese a que se xubilou hai poucas semanas, levaba 12 anos no que pode chamarse a retagarda da Policía Local. Con Protección Civil primeiro e co GAEM despois, lideraba os operativos de tráfico en competicións deportivas, festas, procesións e outras actividades similares. Asegura que aceptar este posto foi a mellor decisión que podía ter tomado: «Estaría cinco anos, dez ou o tempo que fixera falla con estes rapaces, cos meus meniños como lles chamo eu. A última etapa no corpo foi a mellor, da que máis orgulloso me sinto». Agora, cambiou eses mozos por Pablo e Adrián, os seus netos.