O motor barbancés de Oncomet

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Seis mulleres xeraron un importante movemento en favor da biopsia líquida

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son poucas as persoas que, directa ou indirectamente, non sufriron o duro golpe da considerada a enfermidade do século XXI. Quizais por iso, cando hai un mes, un grupo de investigadores dependentes do CHUS compostelán fixeron un chamamento argumentando que precisaban 500.000 euros para estandarizar o emprego dun sistema chamado a revolucionar tanto a diagnose dos tumores como a elección do mellor tratamento a aplicar en cada caso, a resposta dos galegos non se fixo esperar. En Barbanza formouse unha plataforma que leva recadados xa máis de 12.000 euros e que contribuíu a que case ninguén se sentise alleo á causa de Oncomet e da súa investigación sobre a biopsia líquida.

Aínda que son moitos os veciños que están a achegar o seu grao de arena para a posta en marcha de diferentes actividades benéficas, seis mulleres constitúen o motor dun colectivo que conseguiu tocar a fibra sensible de case tódolos sectores da sociedade ribeirense. Trátase de Anxos González Cruxeiras, Luz García Mariño, Ángeles González Sabarís, Aurelia Fungueiriño Castro, Raquel Lema Romero e María Isabel Antonio Rama. Comezaron reunindo obxectos para montar un mercadillo solidario e foron tecendo unha maraña de propostas coas que lograron implicar aos locais hostaleiros, ás florerías, ás perruquerías, ao comercio e a ducias de veciños.

Parte delas sufriron e sofren en carne propia os efectos dunha enfermidade que deixa unha pegada imborrable, polo que saben mellor ca ninguén da importancia que teñen as investigacións, os ensaios clínicos e os ansiados avances. Anxos González soubo do proxecto no que estaba mergullado Oncomet por boca do seu máximo responsable, o doutor Rafael López, xefe de oncoloxía do Clínico: «O meu caso é único e por iso me leva el directamente. Tardaron un ano en detectarme o tumor e aínda hoxe non saben onde está a orixe do cancro e da metástase».

Satisfeitas coa resposta

Ela foi sometida a un tratamento novo procedente de Estados Unidos e, polo de agora, con resultados moi satisfactorios. Por ela e por todos aqueles que mañá poden verse na súa mesma situación, animouse a liderar a plataforma creada en Ribeira. Nunca pensou que o esforzo pagaría tanto a pena: «Non esperaba esta resposta da xente. Foi o éxito das primeiras iniciativas o que nos levou a ir a máis. Hai persoas que están alí onde imos, facendo o seu donativo».

Anxos González bota en falla iniciativas similares ás organizadas en Ribeira en outros concellos da zona, por iso se plantou na Pobra, para petar ás portas dos locais hostaleiros e organizar o día da tapa solidaria, que terá lugar este sábado: «Sei que hai xente disposta a colaborar en todas partes, quizais falta alguén que asuma a organización».

Entre as súas colaboradoras atópase a súa tía, Ángeles González. Tamén ela está gratamente sorprendida da resposta que están a ter as iniciativas que se poñen en marcha: «Non contaba con tanta implicación. Estou moi satisfeita». Leda, co labor realizado e co diñeiro conseguido, está tamén Aurelia Fungueiriño. A plataforma pro Oncomet foi para ela a mellor das terapias: «Estiven enferma de cancro hai pouco e, agora que recibín a alta médica, non atopo traballo. Estaba deprimida e vin nesta causa solidaria a mellor forma de sentirme útil».

Luz García é outra loitadora disposta a conseguir que a hucha de Oncomet non deixe de engordar: «Non quero que ninguén sufra o que levo sufrido eu se se pode evitar. Os que pasamos por un cancro e por un tratamento sabemos o que é iso e os efectos que implica». Para todas elas sería un logro comprobar que, dentro de 15 días, a campaña da biopsia líquida se pecha co reto dos 500.000 euros superado. Pase o que pase, non descartan seguir coa loita: «Non vai ser con tanta intensidade, pero queremos levar a cabo algunhas actividades con carácter anual para seguir colaborando con esta causa», comenta Anxos González.