A época do Antropoceno

Denomínase así o período de interferencia da actividade humana nos ecosistemas e na natureza provocando cambios a nivel global


Existen vocábulos de fonética atropelada que emanan do mundo científico e son rapidamente incorporados á cultura popular. Isto parece suceder co Antropoceno. Máis aló do debate académico sobre a conveniencia, ou non, de definir formalmente unha nova época na historia xeolóxica, o que resulta irrefutable é a fonda pegada do Homo sapiens no planeta. O concepto de Antropoceno, acuñado no ano 2000 polo químico Paul Crutzen e o biólogo Eugene Stoermer, abarca o intervalo temporal onde as actividades humanas interfiren nos procesos naturais e nos ecosistemas provocando cambios a escala global.

Un dos exemplos máis manidos é o do clima. Os científicos do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), no seu último informe, consideran probada a influencia humana no sistema climático. Puntualizan que, dende a década de 1950, os cambios aceleráronse enormemente: as concentracións de gases de efecto invernadoiro disparáronse, os océanos e a atmosfera queceron, a neve e o xeo diminuíron en volume, e o nivel do mar ascendeu a un ritmo desacougante.

Non é de balde a afirmación de que nos convertemos na única especie capaz de inducir cambios significativos no medio, nun período inferior ao da nosa existencia. Para atopar algún precedente debemos retroceder miles de millóns de anos na historia da Terra.

As cianobacterias

Os primeiros organismos que conseguiron modificar os ciclos bioxeoquímicos foron as cianobacterias (algas verde-azuis habitantes dos mares primitivos pouco profundos). Estas trocaron unha atmosfera hostil de CO2 por unha atmosfera de osíxeno, conformando un ambiente amigable para a evolución doutras especies. Mais estes microorganismos tardaron uns 2.000 millóns de anos en conseguilo!

Pero, cando se inicia o Antropoceno? A nosa especie leva miles de anos provocando impactos no medio, fundamentalmente dende a aparición da agricultura. Porén, a integración de elementos de factura humana no rexistro xeolóxico a escala mundial apuntan a unha orixe fixada na segunda metade do século XX.

Os radionucleidos xurdidos das probas nucleares constitúen un importante marcador estratigráfico de distribución planetaria. Ademais, os plásticos, cemento e outros materiais provenientes dos procesos industriais, entran xa nos ciclos xeolóxicos mesturándose cos sedimentos de orixe natural. A elevada resistencia dos polímeros sintéticos, que aumenta se son rapidamente enterrados afastándoos da luz ultravioleta, convértenos en verdadeiras testemuñas (tecnofósiles no argot académico) desta época.

Exemplo próximo

Decidido a buscar riscos antropocénicos en depósitos sedimentarios actuais, achégome ata unha praia da contorna. O mar vai puíndo os vertidos sucesivos de material sobrante de marmorarías, ladrillos e demais refugallos da construción. Na zona supramareal, a columna de sedimentos amosa distintos niveis estratificados con anacos manufacturados de granitos, gneises e mármores.

Non pode faltar un nivel guía de asfalto. Quen sabe se xunto cos plásticos, e tras pasar polos procesos naturais de enterramento e diaxénese, serán estas as rochas nai do petróleo nun futuro moi moi distante!

Depósitos antropocénicos nunha praia urbana da contorna barbancesa

Votación
2 votos
Etiquetas
Cambio climático Agricultura Petróleo
Comentarios