Manuela del Río, mestra e activista en tempos da Segunda República

O golpe de estado do 36 significará o remate da súa actividade pública e tamén acabará afastada do ensino


Manuela del Río nace en Boiro en 1890 no seo dunha familia labrega acomodada con raíces no pazo de Fonteneixe. Grazas ao seu tío Francisco, ex seminarista e mestre tetrapléxico con escola no lugar d´O Rexidor, Manuela entrará en contacto de moi nena co estudo e a lectura, para converterse co tempo na axudanta do mestre. Inda que non puidera cumprir o seu sono de estudar maxisterio, no abrente dos anos vinte, tras a morte do seu tío, responsabilízase da escola, trasladándoa para a súa propia casa. Casada e con familia, compaxinará as clases coa crianza de tres fillas, a atención ao fogar, e tamén co traballo no agro mentres estivo emigrado en Cuba o seu marido.

Cando en 1931 se proclama a Segunda República, Manuela del Río é unha muller madura, lida, e cunha solvencia intelectual que vai poñer ao servizo do obreirismo. Vincularase nestes anos ao sindicato La Fraternidad, participando na organización dos múltiples actos que acolle a casa do pobo de Cimadevila. Tamén escribirá no semanario socialista La Lucha, firmando uns demoledores artigos nos que denuncia os vicios e corruptelas das vellas clases dirixentes e das xerarquías católicas, as desigualdades sociais ante a lei, ou os intentos dos reaccionarios de socavar o réxime republicano.

Mobilización feminina

O colectivo feminino será, así mesmo, obxecto dos seus escritos. «Ciudadanas proletarias, ¡A la lucha!» é o titular dun daqueles artigos que dirixe ás mulleres da clase traballadora buscando a súa mobilización a prol do socialismo. Co seu compromiso e implicación, a mestra d´O Rexidor rompía co estereotipo de muller, superando o papel de ama de casa e nai para converterse ademais nunha activista social e política, afastada de beaterías e consciente dos problemas do seu tempo.

O golpe de estado do 36, que acaba co réxime republicano e abre un período de represalias contra quen o sustentara, significará o remate da actividade pública de Manuela del Río e a represión de parte da súa familia. O seu marido Salvador Martínez, militante socialista, sería detido, mallado, e trasladado a Compostela, onde permanecerá preso varios meses ata que a mediación dunhas amizades logra a súa excarceración.

A filla maior do matrimonio, Dolores, con apenas 15 anos, sufriría tamén o castigo, tendo que realizar traballos forzosos na estrada de Abanqueiro a Cespón. Como nos confirmou a súa filla Juanita, nestes primeiros momentos con Manuela «non se meteron». O seu castigo persoal viría máis tarde, como consecuencia da aplicación da lei do 17 de xullo de 1945 sobre educación primaria. Entre outras disposicións, esta lei franquista recollía que as escolas privadas deberían cumprir determinadas condicións, nalgún caso coherentes, como contar con persoal titulado e, noutros, simple depuración ideolóxica, xa que obrigaba os seus responsables a ter unha irreprochable conduta relixiosa e contar con informes políticos e sociais favorables.

Afastada forzosamente da actividade académica e política, e refuxiada na lectura e nas lembranzas dos tempos da ilusión proletaria e da escola d´O Rexidor, Manuela del Río morría en 1963, despois de pasar acamada os catro últimos anos da súa vida.

Manuela morreu en 1963, despois de estar catro anos acamada.

Votación
21 votos
Etiquetas
Cuba Boiro
Comentarios